Ecodicionario galego

84. Antropomorfización

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. f. Atribuír características humanas ou tratar como humanos outros seres vivos, ou mesmo seres inanimados ou ficticios. Esta definición non aparece (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Prosopopea: figura retórica que consiste en atribuír a seres non racionais (animados e inanimados) calidades, accións ou facultades humanas. Mascotismo: moda ou tendencia baseada en ter (ou manter) animais con fins recreativos ou sentimentais no seo do fogar ou na contorna inmediata dunha persoa, sen que estes animais cubran necesidades humanas como a alimentación ou suplemento de materias primas. A primeira definición aparece no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: a antropomorfización é un recurso dialéctico figurativo (e a miúdo informal) que probablemente sexa tan antigo como a linguaxe humana. Por exemplo, dotar de características humanas a entes xerados pola psique é algo común ás crenzas pagás e ás relixións. Ademais, esta antropomorfización supón que tales entes teñen procesos de pensamento e motivacións similares ás persoas que cren neles. Paralelamente, moitos animais tamén se antropomorfizan neste complexo de crenzas, atribuíndoselles calidades humanas extraordinarias, ou mesmo capacidade de converterse en humanos (caso do lobishome). O caso das mascotas bebe ata certo punto destas fontes: gatos domésticos eran considerados divinos polos exipcios, e algúns cans tiñan unha alta consideración na nobreza medieval. Na Idade Moderna, a figura da mascota pasou a ser común en moitos fogares sen que se antropomorfizara necesariamente: eran vistas máis como ferramentas para un determinado uso (cans pastores ou vixilantes, gatos desratizadores...) que como elementos de culto, e menos aínda como “persoas”

Por que está en voga esta palabra?: actualmente, é moi doado atopar nas redes sociais todo tipo de publicacións sobre mascotas que son referidas como “persoas”, ou que o dono ou dona identifica como o seu “neno” ou “bebé”. Persoeiros célebres chegan mesmo a facer declaracións públicas do estilo “Los perros son personas: si la farmacéutica no deja entrar a mis perros, ya me cae mal”. Detrás deste discurso está, por unha banda, a relación egoísta dos donos e donas coas súas mascotas, que antepoñen o suposto ben do animal perante o ben social. Por outra, está o interese da industria que se beneficia do crecemento numérico exponencial das mascotas, aínda que sexa a mercé de sacrificar valiosos recursos naturais (que se destinan a pensos) e millóns de animais salvaxes (só nos Estados Unidos os gatos vadíos matan anualmente ata 4.000 millóns de aves silvestres). Ademais, esta moda mascoteira compromete a salubridade de contornas urbanas, a convivencia pacífica entre a veciñanza e o uso de espazos públicos (parques, praias e distintos espazos naturais), convertidos actualmente en xigantescas áreas caninas.