Ao rescate da historia dos deportados de A Coruña

Unha páxina web recupera a memoria dos coruñeses enviados a campos de concentración

Carmen García-Rodeja, David Lozado, Olga Aguiar e Ana San Miguel, no acto de Artesáns.   | // G. BARREIROS/R.A.

Carmen García-Rodeja, David Lozado, Olga Aguiar e Ana San Miguel, no acto de Artesáns. | // G. BARREIROS/R.A. / José Manuel Gutiérrez

“O obxectivo é rescatar a memoria destas persoas porque algunhas sobreviviron pero cun trauma terrible e con pesadelos. Moito non contaban porque fora moi duro”, explica Carmen García-Rodeja, presidenta da Asociación de Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), sobre a creación da páxina web deportadoscoruna.com, coa que se divulga a historia dos coruñeses que foron enviados aos campos de exterminio nazis durante a Segunda Guerra Mundial tras fuxir do réxime franquista.

A ARMH vén traballando dende hai anos para dar a coñecer que foi dos represaliados, desaparecidos e presos da etapa franquista e, tralas investigacións sobre os deportados, divulgou a súa historia cun homenaxe no Parlamento galego, a colocación das placas coñecidas como stolperstein diante das casas das vítimas e a introdución dos seus datos na querela presentada en Arxentina contra o réxime franquista.

A web creada pola asociación aporta agora información sobre a deportación, as vítimas coruñesas, e os campos de concentración, pero tamén inclúe unha guía didáctica e unha relación dos stopelstein, cos que pretende facer un roteiro. “Para nós e moi importante estar en contacto cos familiares para que se sintan apoiados”, comentou García-Rodeja na presentación da web no Circo de Artesáns, xa que grazas a asociación “entéranse por primeira vez de que tiñan un familiar deportado, sabían que morrera na guerra pero non como”.

O silencio

David Lozano, un dos creadores da web, salientou o caso do deportado Leopoldo López Criado, “do que a súa familia dixo que grazas a nós sabían máis cousas del porque antes non sabían nada, xa que se impuxera o silencio”.

Olga Aguiar, profesora de Filosofía no instituto de Zalaeta, interviu na presentación referindo o caso de Clemente Juan de la Cruz García, nacido no 1910 e criado no Hospital da Caridade e na Casa da Misericordia. Aos 21 anos ingresou na Mariña para facer o servizo militar e no 1940 apareceu en Francia como refuxiado. Foi enviado a Mauthausen e logo a Gusen ata chegar a Hartheim, onde foi asasinado. “Era unha persoa que non tiña familia, polo que o seu stolperstein se colocará diante do instituto, onde estaba antes o orfanato”, explicou Aguiar, quen recorda que no libro Eichamann en Xerusalén, Hannah Arendt fala da eficacia dos convois dos deportados aos campos, polo que quere traballar cos seus alumnos sobre “como xente normal que cumpre ordes como funcionaria é capaz de chegar a esa crueldade”.

“Só sabiamos que morrera en Mauthausen e grazas a unha noticia do xornal contactamos coa asociación”, contou Ana San Miguel, sobriña neta de Víctor San Miguel Prado, outro dos deportados coruñeses. Detallou que traballaba con seu avó na estación do ferrocarri e que con 28 anos marchou a Francia. “A familia perdeuno todo, non tiñamos nin unha foto del, un curmán meu chámase Víctor na súa honra e meu pai sempre dicía que Deus sabe as miserias que pasou”. Só souberon da súa morte porque o pai de Víctor recibiu unha carta do Goberno francés que lle comunicou a súa morte no 1942 no campo de Gusen.

Adeus a 14 vías con nomes franquistas

O Concello comezará nas vindeiras semanas a retirada de 14 denominacións franquistas do seu rueiro segundo informou este mércores o concelleiro de Memoria Democrática, Gonzalo Castro. No acto do día de homenaxe ás vítimas do exilio, Castro detallou que a comisión municipal de Honras e Distincións abordará o “ritmo de execución” dos acordos alcanzados sobre eses elementos, para os que demandou “consenso político”.

Sobre a recuperación da Casa Cornide, dixo que o Concello falou co Goberno antes de pedir a anulación da súa permuta por unha parcela municipal para que exista “coordinación a nivel técnico e xurídico”, aínda que por agora non hai novidades. O delegado do Gobierno, Pedro Blanco, declarou que o Executivo ten vontade de “colaboración” e que persegue a “mesma finalidade” que o Concello.

Suscríbete para seguir leyendo