Memoria e identidade. Un século de Jorge Semprún

Semprun

Semprun / ANGEL GONZALEZ

José Manuel Sande

A expresión vida novelesca resulta insuficiente para definir o fascinante itinerario de Jorge Semprún Maura (Madrid, 1923-París, 2011), do que celebramos o centenario en decembro deste ano. Encarnación ao tempo de varias vidas, foi unha figura intelectual, artística e política proteica e controvertida, admirable e enigmática, posuidora dunha polivalencia e acumulación de feitos irresistible. O militante clandestino coñecido como Federico Sánchez que, heroe romántico ou elegante axente comunista, burla á policía da dictadura de Franco durante unha década é o documentalista autor en Francia de Las dos memorias (1974), un dos filmes esenciais sobre a guerra civil española. O escritor gañador do premio Formentor de 1963 na súa estrea literaria, El largo viaje, é o guionista nominado ao Oscar por dúas películas míticas da década, a autobiográfica La guerra ha terminado (1966) de Alain Resnais e o thriller político Z (1969) de Costa-Gavras. O home expulsado do PCE, capaz de convertir en éxito de ventas todo o que rodea este episodio no emblemático premio Planeta da transición Autobiografía de Federico Sánchez (1977) é un dos protagonistas da máis afamada aventura editorial do exilio antifranquista, Cuadernos de Ruedo Ibérico (1965-1979). O ministro de Cultura socialista entre 1988 e 1991, independente e cosmopolita, é o mozo que pasa os últimos dous anos da II Guerra Mundial nun campo de concentración. 

O Semprún creador non se pode reducir a clichés. Cinguíndonos á condición de testemuña de tantos feitos históricos e á constatación dunha obra inimitable, esta resulta bastante menos estudada do que debera

O Semprún activista político e loitador polas liberdades, aparece como revisitador, a través da memoria -os seus mecanismos de construción, as súas propias feblezas- da Historia, un século XX voraz e cheo de terror, un terror cotián atravesado por elocuentes episodios. Condenado ao desarraigo, o neto de Antonio Maura sofre a morte prematura da nai (1932) e vive a guerra civil española e o exilio como fillo dun pai avogado, católico, con querencia pola poesía e diplomático, en tanto aspectos fonte de inspiración, e consecutivamente a II Guerra Mundial -membro da Resistencia francesa torturado, deportado e confinado en Buchenwald-, toda unha etapa de clandestinidade e viaxes a España como destacado dirixente do PCE (de 1953 a 1962), coa súa posterior expulsión do partido (1964) en plena Guerra Fría. Despois destes anos o home de acción vai ser en parte substituido polo escritor, un intelectual obsesionado pola memoria e os sucesos dun tempo que nunca deixará de vivir. 

En medio da arrolladora continxencia histórica, xorde o literato capaz de amalgamar sempre as filias e preocupacións tanto da súa existencia como da súa época, da oda á memoria do horror de Buchenwald en La escritura o la vida (1994) á guerra española, a atávica violencia e o sentido da representación, en Veinte años y un día (2003), única novela escrita en español, pasando polas sucesivas exploracións na memoria -a deriva post68 de Netchaiev ha vuelto (1987) ou a experiencia republicana de Adiós, luz de veranos (1998)-, unha circunstancia trasladada a significativos filmes escritos por Semprún. O guionista, coherente e persoal, parece lanzar dúas cuestións: aceptamos a autocrítica? Debemos calar ás quebras dos nosos? Deste modo denuncia un sistema distorsionado en La confesión (1970) de Costa-Gavras, amosa a Francia onde conviven traición e lealdade, colaboracionismo e Resistencia, en Sección especial (1975) do mesmo director francogrego ou analiza as trampas da identidade en Stavisky (1974), segundo traballo con Resnais

O estilo propio de Federico Sánchez

O Semprún creador non se pode reducir a clichés. Cinguíndonos á condición de testemuña privilexiada de tantos feitos históricos e á constatación dunha obra única, inimitable, ésta resulta bastante menos coñecida e estudada do que debera, alén dos estudos -nos que o valioso sobrepasa o irregular- de Felipe Nieto, Franziska Augstein, Soledad Fox Maura e Jaime Céspedes. 

Como gran prosista da memoria, estamos ante unha obra autobiográfica que debate e se apela a si mesma, un texto múltiple que conversa con outros, consigo mesmo, marcado polo peso e a incidencia sociopolítica, da desmitificación do socialismo real e a loita armada a todo sistema que fagocite a disidencia e faga apoloxía da infalibilidade do liderado ou da estrutura xerarquizada, namentres coordina apetitosos (e veraces) xogos narrativos. Dono dunha escritura sosegada e paixonal a un tempo, unha prosa precisa e digresiva sen alardes, sabe amosar as pautas dun estilo inconfundible onde combina realidade e ficción; axita atípicos usos da perspectiva narrativa, elaborando un constante fluxo de conciencia que enlaza con pertinentes connotacións culturais. Semprún aparecerá como rostro inevitable das súas ficcións ou ensaios memorialísticos, o rostro polo que transitan a expresión emotiva e vibrante da Historia, a análise do acontecemento, a disección das contradicións e loitas derivadas, unha parte indisociable da experiencia vital propia. 

Malia todas as contrariedades, non devén amigo de nihilismos, desencantos ou solipsismos, tampouco un trasunto exiliado de Malraux. Coa ilusión do combatente inasequible á derrota, orfo de grandes certezas, pelexando contra o esquecemento e contra todo totalitarismo ou consumación sectaria, vai camiñar cara un europeísmo nunca exento de valores progresistas, consciente dos erros históricos, sabedor do seu lugar. 

O autor ten prevista a publicación nos vindeiros meses do libro ‘Toute la mémoire du monde. El cine de Jorge Semprún’