Patricia Cordo (A Coruña, 1986) compaxina o seu traballo como técnica de igualdade coa súa paixón polo Deportivo, que amosa cada dúas semanas desde a bancada de Maratón Inferior e tamén cunha participación activa no eido das peñas. Preside a Faluya e é vocal na directiva da Federación de Peñas do Dépor. Leva máis de media vida acudindo a Riazor, “desde os 14 anos”, e ben puido comprobar o crecemento do número de mulleres nas bancadas: “Nos últimos anos a presenza de rapazas foi aumentando. O equipo xa non é o Superdépor, pero tamén a creación do Dépor Abanca axudou claramente”.

Hai moita cativa? 

Vexo bastante rapaza nova acudindo ao fútbol. Moitas rapazas agora xa teñen referentes femininos, cando antes non había salvo excepcións illadas como podía ser o caso de Vero Boquete.

Cales son as súas primeiras lembranzas como afeccionada no estadio de Riazor? 

Eran os tempos do Superdépor. Cando empezaba a saír da casa, ía ao campo cos amigos. Primeiro en General, logo en Pabellón e ultimamente botaba de menos Maratón Inferior e decidín voltar. 

Algún partido que a marcara especialmente?

O 4-0 ao Milan. Toleamos con cada gol. Xogabamos cos grandes de Europa. Facelos caer era tremendo.

Como é a afección do Dépor?

Temos máis que demostrado que non entendemos de categorías. Ese sentimento deportivista, dá igual en Primeira, Segunda ou Segunda B, é tremendo. A afección é de Primeira.

Como técnica de igualdade, ve o deporte como unha canle esencial para loitar contra as diferenzas?

Efectivamente, todos os ámbitos da vida son importantes e o deporte é un xeito de chegar á xente e darlle pulo ás reivindicacións do feminismo.

Queda moito ata acadar a igualdade plena?

Estanse a dar pasos, pero aínda faltan moitos. Falas de fútbol e sempre hai algúns homes reticentes que pensan que non entendes ou que a túa opinión vale menos. E logo, profesionalmente, as condicións das mulleres e dos homes futbolistas non son iguais.

Que papel cre que está a xogar o Dépor Abanca?

Moi importante. O feito de ter referentes tendo equipos femininos de fútbol axuda a normalizalo e a practicalo, incluso ata chegar a niveis profesionais.