Ana Pontón promete "unha Galicia mellor" no 2024

A líder do BNG aspira a obter a confianza da cidadanía para ser a próxima presidenta dos galegos

Captura da mensaxe de Fin de Ano de Ana Pontón (BNG).

Captura da mensaxe de Fin de Ano de Ana Pontón (BNG). / Youtube

RAC - Agencias

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, elixiu o barrio compostelán onde reside, o de Cocheiros, para enviar unha mensaxe de Fin de Ano no que pediu o apoio dos galegos o 18F para alcanzar unha "Galicia mellor" en 2024.

Nas rúas nas que fai "a súa vida cotiá", narra no vídeo, Ana Pontón escoita tamén "as preocupacións da xente" sobre a sanidade, a subida de prezos, a falta de traballo ou a factura da luz, apunta.

"Son as preocupacións que me chegan falando coas persoas do meu barrio, as mesmas que me compartides vós nos encontros que teño cada día polo país, as mesmas que sinto eu", afirma.

Por iso, a líder do BNG aproveita esta mensaxe para lembrar aos galegos que este 2024, no que se celebrarán eleccións autonómicas, aspira "a ter a súa confianza para ser a próxima presidenta". "Porque me gusta Galicia, gústame como somos, gústame vivir aquí e quero o mellor para este país", engade.

"Merecemos moito máis; mellor sanidade, mellor educación, tranquilidade para as persoas maiores; merecemos poder dicirlle á xente nova que quede aquí, que non se marche porque vai ter oportunidades"

"Merecemos mellor sanidade, mellor educación, tranquilidade para as persoas maiores; merecemos poder dicirlle á xente nova que quede aquí, que non se marche porque vai ter oportunidades; merecemos unha Galicia que apoie á xente do mar e á que traballa a terra para darnos alimentos; que apoie ás persoas que emprenden, as nosas empresas", relata a portavoz nacional.

Na mensaxe de Fin de Ano, Pontón apela ao "apoio" dos galegos para "facer realidade nas urnas esa Galicia mellor", capaz de colocarse "na vangarda da ciencia", feminista, implicada contra o cambio climático e "orgullosa da lingua e da cultura propias".

"Estou segura de que o 18 de febreiro imos facer historia, imos gañar unha Galicia mellor", conclúe Pontón, antes de desexar a todos un feliz ano novo.