-Non está vostede dacordo co pacto para os orzamentos?

-Non. É unha proposta moi baleira. Poñen unhas obras necesarias, que xa eran necesarias, pero non vai nada máis alá nin profundiza no programa da Marea Veciñal. Non aporta nada do programa. E non se espuxo de maneira crítica. A min non me deixaron presentar outra proposta alternativa. Foi esta, votouse e xa está.

-Con que resultado?

-Sete ou oito a favor dos doce, mais ou menos, que eramos.

-Eran menos do habitual?

-Inscritos somos uns 40, pero habitualmente imos 10 ou 15. Ao principio moitos mais pero foise perdendo o interese, supoño.

-Vai votar en contra?

-Sí. Paréceme unha falta de respecto cando en campaña dixemos que íamos cambiar as cousas e nos mítines prometeuse que non pactaríamos co PSOE e isto xa é un apoio ao Goberno durante un ano. Tamén se dicía que non se ía poñer a ningún alcalde que levara mais de dúas lexislaturas, e isto é apoiar indirectamente a un que leva mais.

-Decidiu algo mais?

-Probablemente haberá disputas e eu irei ao grupo mixto.

-Pensa deixar a agrupación?

-Quero falar antes coa xente do grupo que me está apoiando. Pero penso marchar. Isto é o punto final pero xa se puido ver hai un ano que hai un apoio bastante claro ao PSOE. Intentei falar e reconducilo pero non hai maneira e non é o que viñemos facer aquí como grupo. Terei que deberme aos meus votantes e ás promesas que lles fixemos.

-Planea outro proxecto?

-Gustaríame. Terei que movilizar xente, pero teño ganas de facer cousas, metínme aquí por ideas.