A sede da Real Academia Galega no número 11 da rúa Tabernas de A Coruña foi residencia da escritora Emilia Pardo Bazán por doazón das súas herdeiras e nela custodianse documentos e libros da autora xunto con obxectos persoais, mobiliario, enxoval ou obras de arte. Todo isto está na Casa Museo Pardo Bazán que se atopa no primeiro andar da Academia. Ésta é a razón que alega a Real Academia Galega á Xunta para reclamar que os fondos bibliográficos da escritora vaian a esta institución en lugar de á Cidade da Cultura en Santiago como quere a Consellería de Cultura.Cidade da Cultura

A esta razón engade outra tamén de sentido común: conservar este patrimonio da Bazán "unido" porque separalo "rompe o principio de unidade, valor fundamental das bibliotecas destas características", e ademais "dificulta o estudo do conxunto e as investigacións" sobre a escritura. Tamén racharía "o corpus pardobaziano. Deste xeito, os investigadores que agora acoden á sede da Real Academia terían que ir despois a Santiago para completar o seu traballo, en vez de ter todo no mesmo sitio.

A Xunta leva anos buscando fondos e obras coas que encher os edificios da Cidade da Cultura de Santiago para que teña algún sentido, e aínda así os inmobles semellan baleiros polo xigantesco espacio interior. Na Real Academia Galega xa se custodia a biblioteca da autora e o fondo máis importante do seu legado documental, pero ademais esta institución recentemente adquiriu un importante fondo documental, 85 cartas inéditas que a autora enviou entre o ano 1870 e ben entrado o século XX á súa amiga Carmen Miranda Armada.

"Esta correspondencia constitúe un dos conxuntos documentais máis relevantes da escritora, tanto polo número de cartas que o compoñen como polo período de tempo que abrangue", sinala a Academia.

Tamén resalta que durante varios meses un equipo de especialistas promovido dende a Academia e coa participación de investigadores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, fíxose inventario dos libros da escritora que permañecían no pazo de Meirás, arredor duns 4.000 segundo fontes da Xunta.

A intención da Real Academia é reclamar que este fondo sexa declarado Ben de Interese Cultural "pola súa significación, pola calidade extraordinaria de moitos dos volumes alí existentes e polo que representan na memoria histórica da escritora". Engade que dentro de pouco tempo tamén promoverá "a publicación deste traballo de investigación" que consideran "fundamental para o coñecemento deste legado".

"En ningún outro lugar que non sexa a rúa Tabernas cabe a conservación dos libros da escritora que hoxe seguen en Meirás e que deben ser devoltos á memoria histórica do pobo galego e dos lectores e lectores universais".

A filla de Pardo Bazán, Blanca Quiroga, e a súa nora Manuela Esteban Collantes, doaron en 1956 o fondo que está na Casa Museo da Academia para custodiar a súa memoria, decisión ratificada despois no testamento ante notario. Deste xeito a institución alega argumentos tanto afectivos como técnicos para reclamar que a biblioteca da Bazán en Meirás vaia para Tabernas.