O Concello de Arteixo ten en marcha os trámites para facerse coa propiedade dos castros de Pastoriza e Laxobre tras encargar unha análise de todos os xacementos do municipio, que son 21. Este estudo elaborouno a empresa Arqueoloxía Malde, que catalogou todos os existentes e determinou o estado de conservación que teñen. O arqueólogo Antón Malde, xunto coa arquitecta Elisa Amigo, redactaron o estudo. O primeiro fala do traballo e de que se fará nos asentamentos que comprará o Goberno local.

No estudo que presentaron ao Concello contabilizaron 21 castros en todo o territorio de Arteixo. É unha cifra alta?

Si que é alta. Estamos falando, salvo Barrañán de forma excepcional, todas as parroquias teñen un castro e algunha que chega a ter dous o tres. É unha cifra moi alta.

A que pode ser debido que haxa tantos?

A unha pluralidade de cousas. Os castros non teñen porque estar habitados todos ao mesmo tempo. É un fenómeno que ten unha duración temporal moi alta. Por outra parte, hai sitios arqueolóxicos que os temos catalogados como castros porque aparece o topónimo castro. Apenas aparece unha pegada do castro. Quero dicir con isto que dentro dos castros non é que haxa só mellor ou peor conservación, incluso poderíamos pensar en distintas cualidades na construción, incluso castros máis temporais, que tivéramos unha construción menos resistente e outros deshabitados que perduran no básico.

O que dicía, que hai parroquias que teñen dous ou tres. É moito, non?

A verdade é que unha cousa excepcional. É raro. Oseiro ten tres castros, Loureda ten dous, Morás ten tres... Isto non é habitual. O habitual é que haxa unha asociación de por cada parroquia, un castro. É excepcionalmente, dous. Pero non é a norma. Non é o habitual.E aínda así é unha proporción altísima. Daría unha poboación incluso superior á que temos hoxe en día, cousa que non pode ser. Demograficamente non se pode aceptar.

Hai unha explicación, pero non a coñecemos.

Podemos facer unha aproximación á poboación que tiña un castro. Se consideramos a superficie e a forza de traballo que require a súa construción. Se consideramos unha poboación de entre 200 e 300 persoas, é multiplicar. Sae unha poboación total que non é asumibel.Historicamente, isto está moi ben estudado, a poboación galega sufre un estourido, ou sexa, aumenta de forma significativa coa introdución de elementos que veñen de América. Sobre todo coa pataca e o millo. Estes elementos non figuraban na Idade do Ferro, hai 2.500 anos. Esta xente alimentábase principalmente de cereais de inverno, que resisten moi ben os periódos fríos, que teñen calorías sí, pero unha producción menor a estes produtos agrícolas e non podían manter unha poboación tan abandosa como hoxe en día.

Hai algo que falla.

Efectivamente. Por outra parte, na comarca apenas hai castros escavados adecuadamente. Aquí non vale facer unha cata e falar dun período. Aquí o que se precisar é escavar unha superficie dun castro e ver como estaba funcionando ao longo do tempo. E non só un, senón varios. É unha cuestión de estatística elemental. É construir unha serie que sexa significativa.

O Concello encargoulles unha intervención nos castros de Pastoriza e Laxobre. Que van facer?

O que se vai facer é simplemente unha limpeza vexetal do castro. O proxecto, tal e como se pretende, nesta fase é recuperar castros, que polo seu estado de conservación a xente poida ver cousas interesantes e non que se teñan que imaxinar. E por outra parte, que non estean en lugares remotos, que teñan fácil acceso. Por unha parte é un proceso de recuperar bens patrimoniais, algo habitual que se fai, pero ao mesmo tempo é unha estratexia de dignificación do propio Arteixo. Pois Arteixo é un concello que dende hai máis de 50 anos ten unha instalación continua de actividade industrial da Coruña que ten efecto no territorio. Esta recuperación o que fai é dignificar ese territorio. É recuperar espazos esquecidos. Hai que consideralo para a xente de Arteixo e tamén para a que ven de fóra por motivos laborais. Isto pódese convertir nun referente para esta xente. Isto ten unha pegada nos servizos sociais, na poboación escolar e no mundo laboral. Podería funcionar de varias maneiras. Non só da maneira tradicional, senon como instrumento de integración. O que se pretende é facer unha boa limpeza vexetal e acondicionar os accesos.

Para isto os que mellor se prestan son os de Pastoriza e Laxobre?

Colléronse os 21 castros. O que se fixo é determinar o estado de conservación e ver a rede de transporte. E en función destas dúas variables, escolleronse estes dous.