Opinión | Algo que declarar

Débeda. Soberanía. Portugal

A profunda crise económica de 2008 puxo en cuestión un principio básico do estado-nación moderno como o de soberanía, a capacidade dun pobo para decidir de xeito independente sobre os seus propios asuntos aínda que sexa de xeito indirecto, por medio duns representantes escollidos democraticamente. O pobo grego —que viña de votar masivamente nas urnas no referéndum de 2015 en contra do pagamento dunha débeda contraída polos seus dirixentes que consideraba, con razón, ilexítima— foi obrigado pola Troika ao pagamento da mesma con todos os xuros de demora incluídos.

Alén das formas sádicas da UE neste caso —recoñecidas explicitamente polo presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker, unha década máis tarde ao dicir que “insultaran os gregos” aplicándolles unha fórmula de “austeridade irreflexiva”— ficou demostrado na práctica un axioma xa coñecido: que a máis débeda menos soberanía, sobre todo cando formas parte dun organismo multinacional dirixido polos teus propios acredores, a UE neste caso. (Islandia, nunha situación idéntica, puido ir ao default sen o consentimento de terceiros).

Este principio de submisión do debedor á vontade do acredor de validez universal, coñece, por suposto, a súa excepción: o país que dispoña da máquina de facer cartos, dólares, está exento do seu cumprimento.

A situación que padecemos hoxe provocada polos efectos acumulados da crise da COVID e da guerra en Ucraína volve poñer a proba a validez da relación inversa entre débeda e soberanía, mais non todos os países reaccionan do mesmo xeito ante esta lei, como estamos a ver. Así, aínda que hai uns meses vimos como España e Portugal eran quen de acadar en Bruxelas un compromiso, a chamada excepción ibérica, para regular pola súa conta o prezo da luz e do gas, esta conquista, máis ben escasa e transitoria, semella que será compensada en breve coa baixada das pensións disfrazada de ampliación dos anos para o cómputo da mesma, que o PSOE nos traslada como unha imposición de Bruxelas da que eles son simples mediadores ou negociadores do mal menor.

Tamén ante a suba da inflación que vimos padecendo nos produtos de alto consumo, o goberno español volveu ensaiar unha fórmula que sabe errada de antemán: rebaixarlle a carga fiscal aos alimentos propoñendo nunha segunda fase subvencións e axudas para as familias máis necesitadas. É dicir, menos recadación, máis gasto e maior débeda pública a longo prazo. Algúns preguntaranse se esta é a única política posible neste caso.

Rotundamente non, pois mentres isto acontece no reino de España, vemos como ao sur do Miño o goberno portugués vén de intervir no mercado da vivenda regulando directamente os prezos do alugueiro, mobilizando forzosamente o parque baleiro, limitando o investimento estranxeiro no mercado inmobiliario e impoñendo unha longa moratoria á construción de nova vivenda turística. Unha cousa realmente norcoreana. Aquí, logo de entregarlle á banca 64 mil millóns de euros no seu día dos que non nos devolveron aínda un euro, vemos a Sareb especular cada día co seu inmenso parque de vivenda baleiro que pagamos entre todos. Menos mal que nos queda Portugal.