A Xunta prepara unha programación “ampla e dinámica” para homenaxear a Del Riego

Redacción

“Fernández del Riego é un dos arquitectos académicos máis importantes da nosa historia literaria”. Así o afirmou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que onte participou en Lourenzá no acto de apertura das celebracións das Letras Galegas 2023 dedicadas ao intelectual, coincidindo co 110º aniversario do seu nacemento. No acto salientou a oportunidade desta efeméride para dar maior visibilidade ao “gran legado histórico e intelectual” que deixou na lingua e literatura galegas así como nas principais institucións culturais de Galicia. “Os seus estudos permitiron afondar na visión historiográfica e material que existía sobre as distintas manifestacións da lingua e literaturas galegas a través do tempo e tamén enriquecer o uso da lingua”, expresou. A Xunta traballa xunto a outras institucións e entidades nunha programación “dinámica e ampla” para homenaxealo.