Entrevista | Bibiana Candia Escritora premiada co Almudena Grandes

“Quero buscar as zonas máis grises do ser humano”

“Interésame a literatura como desasosego”, sinala a coruñesa, autora de ‘Azucre’, que se publicará en Italia, Polonia, Francia e Rusia

A escritora Bibiana Candia.   | // LORENA CAMPILLO

A escritora Bibiana Candia. | // LORENA CAMPILLO / mar mato

mar mato

A concesión, días atrás, do premio Almudena Grandes (da Asociación de Libreros de Madrid) á obra Azucre da coruñesa Bibiana Candia —editada en español por Pepitas de Calabaza e traducida recentemente ao galego por Kalandraka— é un chanzo máis na listaxe de galardóns dun libro que tamén foi distinguido na Semana da Novela Negra de Gijón. A historia, ferinte, pero contada dun xeito poético, duns rapaces galegos do século XIX que emigran a Cuba para cortar cana de azucre, e que rematan escravizados, en situacións iguais ou peores que os negros da época, fai reflexionar sobre a famosa frase de Hobbes: “O home é un lobo para o home”.

Como se sente ante o último premio colleitado.

Estou moi contenta e moi agradecida polos lectores e os libreiros que apoiaron Azucre dende o principio. Normalmente hoxe unha novidade na industria do libro dura un mes nas librarías como media, pero nós levamos ano e medio e iso é un triunfo impresionante.

Hai máis linguas agardando por ela?

Agora mesmo vai saír en polaco, francés, italiano e ruso. Estou contenta de que na tradución ao francés a persoa encargada é o tradutor de Álvaro Cunqueiro e de Torrente Ballester, Claude Breton. Estou moi contenta de que esta historia interese alén das fronteiras. É unha confirmación de que a literatura volve universais os temas.

Débese quizais a que o sufrimento da xente humilde é algo que se entende en todo o mundo?

Estou segura de que ten que ver con iso. Ao final, a miseria, a pobreza, a necesidade de emigrar é un sentimento universal e todos os países nun momento dado pasaron por iso. É unha maneira de verse e atoparse nas vidas dos outros.

Na nota final da versión en galego, sinala que o libro “empezou a existir” cando Inma Gende lle falou dos galegos escravos.

Eu cheguei de maneira casual a esta historia porque un día unha amiga me falou desta historia para que eu escribira un artigo nalgunha das revistas para as que colaboro como a Jot Down. Eu nun principio mostrábame escéptica e ela envioume o primeiro fío, un link a un documental en RTVE, Gallegos por esclavos. No primeiro momento, non podía crer que aquilo fose verdade. A partir de aí, empecei a investigar en arquivos dixitais. A miña amiga non sabía que me fixo un dos mellores regalos que me podía facer, por iso quixen que ela estivese aí tamén.

O nome e vida de Orestes e dos outros rapaces beben do listado real de escravizados?

Os rapaces son absoluta ficción e todas as penitencias polas que pasan na novela están documentadas: como chegaron a Cuba, como os levaban en cuadrillas de 25 rapaces, que algúns escaparon... Fixen adrede que os nomes foran ficción porque non quería apropiarme da memoria das persoas. Decidín documentarme para que o marco das circunstancias fora o máis próximo á realidade posible.A parte divertida da literatura é crear personaxes nos que a xente pode recoñecerse ao tempo que a ficción serve para contar a verdade.

Sinala no remate que o galego Urbano Feijoo Sotomayor estaba “implicado nesta empresa fraudulenta criminal”. Tiña claro dende o principio que non o ía incluír na novela?

Tiña claro que ía ser como un fantasma nesta historia porque el xa falou todo o que tiña que falar. El tivo intervención nas Cortes; pero os rapaces non.Quería limitarme unicamente ao punto de vista deles e non quería que el lles quitara protagonismo. Eles foron os únicos que non falaron nesta historia e só había que darlles voz a eles.

Por veces, a novela transita no realismo máxico. Quería facer así máis dixerible este relato tan tremendo?

Parte da intención era esa. Cando pensaba como podía ser a novela, quería tratar de recompoñer a voz da historia, que os testemuños fixesen como un gran testemuño colectivo que fora viaxando no tempo e que fora como esas cantigas que se dicían nos mercados e nas feiras. Para que soase galego, tiña que ter uns compoñentes importantes de poesía e de algo sobrenatural nalgún momento para darlle un sabor máis noso e para facelo dixerible. A historia é terrorífica, foino. Se non a alixeiráramos non seriamos quen de lela ata o fin sen unha parada.

Emprega unha linguaxe e uns recursos estilísticos que enriquecen a narración pero alén diso, como escritora, sufriu ao desenvolvela?

Non se pode falar de sufrir. Si, foi un libro complicado de escribir polo desafío lingüístico que ten. Agradezo moito que o tiveras percibido. Relata unha historia moi tremenda e para narrala hai que meterse na pel desas persoas. Hai momentos moi escuros. É terrible pensar que esas cousas tan tremendas sucederon a persoas que poderían ser os teus antepasados.

Que anda argallando?

Outra novela que en certa maneira é un espello de Azucre pero non é unha continuación.

Que procura na literatura?

Eu defendo que a literatura serve para desasosegar. Como crían Pessoa e Saramago, eu penso que nas historias que contamos hai unha parte de nós mesmas e é a que quero contar. Quero buscar as zonas máis grises do ser humano que dan significado á nosa realidade máis próxima. Interésame a literatura como desasosego e espello da identidade propia.

Suscríbete para seguir leyendo