Ecodicionario galego

34. PCR

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. f. Siglas de Polymerase Chain Reaction, isto é, reacción en cadea da polimerase, unha técnica que permite a replicación do ADN in vitro. Esta definición figura no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: ADN: abreviatura de ácido desoxirribonucleico, macromolécula que contén as instrucións xenéticas usadas no desenvolvemento e funcionamento de todos os organismos vivos coñecidos e algúns virus, e é responsable da súa transmisión hereditaria. Secuenciación do ADN: conxunto de métodos e técnicas bioquímicas cuxa finalidade é a determinación da orde dos nucleótidos (A, C, G e T) nun fragmento de ADN. SARS-CoV-2: siglas de Severe acute respiratory syndrome coronavirus 2 (isto é, síndrome respiratoria severa aguda coronavirus 2), virus que causa a COVID-19. Estas definicións, agás a primeira, non aparecen (aínda) no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: A historia da PCR involucra a varios galardoados co Premio Nobel de Química. Aínda que a cadea de reaccións da polimerase foi descrita orixinalmente polo bioquímico noruegués Kjell Kleppe (1934-1988) e o polo indo-americano Har Gobind Khorana (1922-2011), a técnica para empregala rutinariamente nos laboratorios débese ao bioquímico estadounidense Kary Banks Mullis (1944-2019). As aplicacións da PCR son moi variadas, tanto en bioloxía como en medicina e nas investigacións forenses. Grazas a esta técnica pódese identificar e amplificar fraccións moi pequenas de ADN para, deste xeito, poder realizar estudos máis detallados, baseados nas secuenciacións de xenes completos ou fragmentos destes. Para os naturalistas, a PCR é a base dos estudos xenéticos que están hoxe en día validando especies novas para ciencia, ou caracterizando a diversidade xenética entre individuos da mesma especie.

Por que está en auxe esta palabra?: Durante a pandemia da COVID-19 desde primeiros do ano 2020, a palabra PCR comezou a ser empregada recorrentemente nos medios de comunicación, unha vez que a caracterización das variantes e a confirmación das infeccións polo virus que a causa (SARS-CoV-2) eran realizadas con esta técnica. Así e todo, a diario emprégase a PCR en estudos biolóxicos, forenses e médicos, e mesmo forma parte dos contidos das materias impartidas en distintos graos universitarios. Subliñar que esta técnica foi a base dos traballos do biólogo sueco-estoniano Svante Päabo (nado en 1955), Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 2022 polo seus descubrimentos sobre o xenoma de homínidos extintos e a evolución humana.