Ecodicionario galego

42. Ecoetiqueta

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. f. Soporte físico (papel, tea,...) ou selo dixital para un produto, que indica que a súa natureza, contido, prezo etc. ten un impacto positivo a nivel ambiental. Esta definición figura parcialmente no dicionario da Real Academia Galega.

Palabras e expresións relacionadas: Ecobranqueamento: venda fraudulenta de produtos ou ideas insostibles ecoloxicamente como se fosen ecolóxicas, ou estratexia de empresas ou institucións de lavar a súa imaxe pública realizando accións puntuais consideradas “verdes”, para así mellorar a súa reputación ambiental aínda que teñan liñas de traballo lesivas co medio natural. Saturarse: realizar certa cousa ata o exceso, ata non poder máis. Sostible: que permite preservar, manter e mellorar a calidade dos recursos e dos equilibrios naturais, así como velar polo futuro. Estas definicións, agás a primeira, aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no eido do naturalismo? A etiquetaxe dos produtos como “ecolóxicos” é consecuencia dunha presión de décadas por parte de grupos de consumidores concienciados coa conservación da natureza, co obxectivo de poñer en valor aqueles con menor uso de pesticidas, fertilizantes artificiais, enerxía e auga. Porén, non sempre se “premian” con ecoetiquetas os produtos con prezos xustos en orixe, nin a súa proximidade do punto de produción ao de venda; por contra, hai produtos “verdes” procedentes de lugares moi afastados e con moitos plásticos (por tanto, con moita pegada ecolóxica) e cunha suposta ecoetiqueta adxunta. Este mal uso destas identificacións enmárcase nunha tendencia crecente a usar de xeito espúrio prefixos como BIO- ou ECO- para dar unha imaxe sostible (e atractiva ante o consumidor) a obxectos, instalacións ou produtos que non corresponde coa reesalidade. Isto xa ten activado as alertas da Comisión Nacional do Mercado de Valores español, do Consello Xeral de Economistas e mesmo da Comisión Europea, que mesmo ten ameazado con impedir o acceso a fondos Next Generation ás empresas que usen fraudulentamente a ecoetiquetaxe para realizar greenwashing (ecobranqueamento).

Por que está en auxe esta palabra? Actualmente, o excesivo número de ecoetiquetas (450 segundo a Organización de Consumidores e Usuarios, OCU) confunde á cidadanía, e fai que case a metade das persoas desconfíen destes selos “verdes” e os vexan como un “labirinto informativo”. Efectivamente, a distinción entre o que é un produto verdadeiramente ecolóxico e outro “pretendidamente ecolóxico” non é doado en moitos casos, e precísanse de datos obxectivos e completos acerca de todo o proceso produtivo dese obxecto, alimento ou servizo. En todo caso, os consumidores e consumidoras queren estar máis informados: a maioría queren ter información acerca de se os produtos que consumen non conteñen substancias nocivas para a saúde, se respectan o medio ambiente ou se foron elaborados sen supoñer explotación infantil.