Luísa Villalta, alumna emérita do Eusebio da Guarda

Teresa Pastor Novo Profesora de Lingua Galega e Literatura, e coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística no instituto Eusebio da Guarda da Coruña

O 29 de xuño do 2023 ficará para sempre nas miñas lembranzas máis felices. Nin en soños imaxinei que aquela fermosa homenaxe que tiven o pracer de organizarlle a esta excelsa escritora o pasado 8 de maio tivese como broche de ouro tan magnífica e merecida noticia: a escritora coruñesa Luísa Villalta, emérita antiga alumna do Instituto Eusebio da Guarda, ten un oco de seu entre os grandes persoeiros das nosas letras. En efecto, tras rematar os estudos primarios no desaparecido Colexio das Xosefinas, entrou no curso 1967-1968 no noso centro, para proseguir a súa vida académica no ensino medio, obtendo o título de Bacharel no ano 1973.

Este vello instituto foi o espazo que habitou unha adolescente con múltiples aptitudes. Un vello edificio, testemuña quizais das súas primeiras creacións literarias e inquedanzas artísticas e sociais.

Uns mudos corredores de rexa madeira que se aledan por ter sido pisados por mozos e mozas que, coma Luísa, despregaron as súas ás para voar moi alto. Vénme á memoria a canción do tamén tristemente desaparecido a unha idade temperá, Antonio Vega: El sitio de mi recreo. Nela fala deses lugares que imos coñecendo ao longo da vida, desas “paisaxes” cargadas de nostalxia. Abofé Luísa Villalta ten aquí para sempre “o sitio do seu recreo”, ese lugar “onde nos levou a imaxinación/ onde cos ollos pechados/ se albiscan infinitos campos”. Día grande para a voz dunha muller comprometida coa PALABRA con maiúsculas, para unha coruñesa de pro, para a Gran Dama da Cidade Alta. En toda Galicia o 17 de maio de 2024 haberá festa, pero aquí, na nosa cidade, haberá “festa rachada”, porque como ela manifestou no seu Poema da Cidade Alta “veño de aquí/ unha historia de palabras/ nas casas da cabeza e nos chanzos do corazón...”. A Coruña foi a súa Matria e levou o seu nome coma bandeira enarborada, aquí “onde se creou a primeira luz, / xermolou a semente do ceo azul/ volverei a ese lugar onde nacín”, collendo de novo as letras da nomeada canción de Vega. Hoxe[polo 30 de xuño] o día amenceu con choiva, ou iso parecía. Pero, non; foron as bágoas de ledicia de Luísa dende o ceo, agradecendo tan xusto recoñecemento polo vindeiro e gorentoso ano 2024, inzado cada un dos seus días das súas verbas inmorredoiras. Parabéns, Luísa! É de xustiza.