Entrevista | Ricardo Cao Premio Nacional de Estatística 2023 e candidato á Reitoría da Universidade

“Sinto que unha parte do Premio Nacional pertence a todas as persoas coas que traballei”

“A compoñente humana é o máis importante detrás da Estatística”

O catedrático de Estatística Ricardo Cao.   | // VÍCTOR ECHAVE

O catedrático de Estatística Ricardo Cao. | // VÍCTOR ECHAVE / Marta OTero Mayán

O catedrático de Estatística da Universidade da Coruña vén de ser recoñecido como Premio Nacional de Estatística 2023. O anuncio oficial producíase o mesmo día que o profesor e investigador presentaba a súa candidatura a reitor da Universidade da Coruña ao abeiro da corrente Nova Luce. Polo momento, non ten rivais para o posto.

Como recibe este recoñecemento a toda unha traxectoria, practicamente o máximo ao que se pode optar no contexto do Estado?

Moi honrado pola distinción. É un premio que, ademais, hai poucos anos que se constituíu, e hai unha chea de estatísticos e estatísticas en España que seguramente sexan merecedores del. Nos termos de investigación, coma sempre, aínda que o reciba unha persoa, non deixan de ser premios a unha labor que facemos case sempre colectivamente, en grupos. Sinto que unha parte importante deste premio pertence a moita xente coa que traballei. É de todos eles tamén.

Cando fai balance á propia traxectoria, que considera que pesou na decisión do xurado, das súas múltiples achegas tanto no eido investigador como noutras colaboracións profesionais?

Cando me informaron do recoñecemento, penso que pesou que teño unha traxectoria en moi diversos eidos da estatística: traballando en investigación, en campos da estimación non paramétrica e a aplicación da estatística en moitos ámbitos, como medioambiente, enxeñería naval, oncoloxía... Mais tamén, unha das cousas que me consta que se tivo en conta é a laboura feita na edición de revistas internacionais, na loita contra o COVID, no meu papel como presidente do Comité de Expertos de matemáticas contra o coronavirus. A miña é unha traxectoria que non só ten que ver coa investigación, senón tamén con outros aspectos nos que se fai labor pola estatística en España, tamén na colaboración con outras entidades. Agora temos unha colabación moi interesante co Instituto Nacional de Estatística; unha das institucións que forma parte da valoración dos candidatos a este premio.

Aos non iniciados cústalle, por veces, entender a estatística como algo máis alá dos números. No caso da súa labor, a aplicación das súas investigacións é moi diversa: xenómica, neurociencia, oncoloxía... Como chega o seu traballo á sociedade?

Os estatísticos somos investigadores moi afortunados, porque podemos aplicar unha chea de cousas nas que traballamos a ámbitos moi diferentes, e moi fermosos. Podemos contar historias moi interesantes a partir dos datos que nós mesmos analizamos, e tamén os métodos que propoñemos. Isto danos o privilexio de poder estar en contacto con investigadores de outras áreas, e tamén con outros ámbitos de aplicación, que ao mellor non teñen por que ser investigadores, tamén poden ser colaboracións con empresas. Movémonos entre a abstracción matemática da modelización dos fenómenos que tratamos de axudar a comprender, e a análise e a xestión deses datos que se xeran; e por outra parte a aplicación ao interés concreto que teñen todos eses colaboradores nosos doutros ámbitos. Agora mesmo estamos dirixindo teses de doutoramento industriais onde se fan novos modelos e métodos en modelización estatística, con aplicación a cousas que teñen que ver con análise dos fraudes, por exemplo, en contextos financieiros.

A Estatística é unha ferramenta imprescindible para outras tecnoloxías que se insertaron, nos últimos tempos, no imaxinario colectivo: Big Data, Intelixencia Artificial, machine learning; este último, con especial presenza nos seus traballos.

Xustamente, as investigacións máis potentes do noso grupo de investigación, que é a inferencia non paramétrica e semiparamétrica, están ao carón do machine learning. Podemos dicir que é unha liña fronteriza moi tenue entre onde acaba a IA dentro do machine learning e onde comeza inferencia estatística non paramétrica, que é xusto o que nós traballamos. Temos unha colaboración estreita con investigadores deses ámbitos, o grupo de Amparo Alonso, por exemplo, da nosa mesma facultade, e moitos outros. Estamos nunha situación privilexiada, moi preto de outros profesionais do noso ámbitos. No Centro de Investigación TIC (Citic) temos un caldo de cultivo moi bo con colegas de bases de datos ou de computación de altas prestacións. Realmente complementámonos moi ben con outros grupos. Iso é o que nos permite poñer en valor solucións integradoras, co que estamos facendo agora no proxecto co INE, que é a utilización de técnicas estatísticas, bases de datos e machine learning, para mellorar as funcións estatísticas oficiais, a partir de información que provén non só das clásicas enquisas, censos ou enquisas de poboación activa, senón tamén con información collida de outras fontes, e tratada con métodos de machine learning e métodos non paramétricos.

As veces, na era do dato e do robot, custa atopar a compoñente humana. Onde está?

A compoñente humana é moi importante. De feito, moitas das cousas que están detrás podense analizar e detectar cando un utiliza análises estatísticas axeitadas. Nós o que facemos é traballar propoñendo novos métodos de investigación, novos algoritmos que permitan estimar mellor as cousas que un pretende modelizar. Por exemplo, unha das teses que estamos dirixindo agora é a modelización da cardiotoxicidade en doentes de cancro de mama. Temos datos, imaxes doppler que proveñen de ecocardiogramas. Unha das cousas que lles interesa aos nosos colegas cardiólogos é a estimación do probable que é que unha desas doentes que vai ser tratada con fármacos contra o cancro poida experimentar cardiotoxicidade, que pode ocasionar lesións no seu corazón. Os métodos que estamos a desenvolver valen para adiantarse a iso, e ser quen de estimar o probable que é que unha desas pacientes, en función dos ecocardiogramas previos, se lle pode estimar ou predecir o risco que ten. As persoas son sempre o máis importante. O máis importante que aporta a Estatística é formalizar todo isto e tratar de distinguir dentro do ruído dos datos, que proveñen de fontes non totalmente iguais á poboación do estudo. Pode haber nesgos, aínda que collamos centos de miles de datos, porque ao mellor hai lugares nos que deberían ter máis representación e non a teñen. As nosas técnicas dedícanse a mellorar a información incompleta que existe, e isto é relevante no contexto do Big Data, onde hai milleiros de datos, pero ao mellor non o suficientemente representactivos da poboación.

“Estamos confiados no éxito da candidatura, levamos moitos meses traballando nela”

Polo momento, é o único candidato á Reitoría da UDC. Que probabilidades hai de que finalmente saia escollido?

Para coñecer a probabilidade de algo, temos que saber cales son os posibles resultados do experimento. Por exemplo, se lanzo un dado e quero saber o probable que é que obteña un dous, teño que saber cales son as outras posibilidades. Como ten 6 caras, teño un sexto de probabilidades. Neste momento, sen saber aínda se teremos outro candidato, non sabemos os outros posibles resultados das eleccións. Non temos o que chamariamos os estatísticos o “espazo mostral”. A partir do día 15, que é cando remata o prazo de presentación, podemos dar unha resposta probabilística ao asunto. O único que podo dicir neste momento é que estamos confiados no éxito da candidatura,levamos traballando nela moitos meses.

Na presentación da proposta adiantou os obxectivos de internacionalización e participación e fixou como retos a busca de financiación e o relevo xeracional. Cales serán as estratexias para acadar estes fins?

O resumo é ese. Queremos facer que a UDC sexa a mellor universidade posible, pública, de calidade, con financiamento axeitado. A propia LOSU (Lei orgánica do Sistema Univeristario) establece que se ten que aumentar ese financiamento. Queremos unha Universidade enraizada nas raíces galegas, mais tamén aberta ao mundo e acolledora, integradora, solidaria; que toda a comunidade universitaria traballemos xuntos, man con man, para facer a mellor universidade posible sobre os eixos que comentas: participación, mellora da xestión, internacionalización, igualdade, diversidade. Queremos coidar das persoas, mellorar de xeito sostible o transporte, manter mellor as infraestruturas que xa temos, e tamén as novas que imos ter, a Cidade das TIC ou o futuro edificio de investigación en Ferrol. Polo miúdo, presentaremos o programa cando remate o prazo.

É un momento ilusionante para dirixir a UDC?

É un momento ilusionante, pero somos conscientes de que quen dirixa a universidade ten moita responsabilidade, cunha Lei Orgánica aprobada pero a medio desenvolver polo Goberno en funcións. Temos a responsabilidade de colaborar con toda a comunidade universitaria, facer uns estatutos o máis consensuados posibles para poñer en marcha algúns deses desenvolvementos da LOSU.

Suscríbete para seguir leyendo