Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ecodicionario galego

66. Gaia

Fotografía de la Nasa del planeta Tierra.

Fotografía de la Nasa del planeta Tierra.

Cosme Damián Romay Cousido, biólogo

Definición: s. f. En ecoloxía, hipótese que defende que a Terra é un sistema complexo autorregulado, no que os organismos vivos (biosfera) interactúan en equilibrio co seu contorno inorgánico (atmosfera, hidrosfera e xeosfera) para perpetuarse e á vez facilitar a vida no planeta. Esta definición non aparece (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Biodiversidade: diversidade de especies vexetais e animais nun ecosistema. Biosfera: zona que rodea a Terra, onde habitan os seres vivos. Organismo: conxunto de órganos que constitúen un ser vivo; ou mesmo un ser vivo, dotado ou non de órganos. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: a hipótese Gaia foi formulada polo científico inglés James Lovelock (1919–2022), e considérase unha das ideas máis revolucionarias na historia da ecoloxía. Lovelock tomou ese nome da deusa grega da Terra (chamada Gaia ou Gea), e iría afondando ao longo das seguintes décadas nas implicacións da idea do planeta autorregulado, como se se tratara dun organismo vivo. Xa desde o comezo, a hipótese contou co apoio de destacados persoeiros da ecoloxía e bioloxía, como a científica Lynn Margulis (1938–2011), e enfocou as bases teóricas da conservación da biodiversidade e dos seus hábitats a nivel global por parte do movemento naturalista. O sociobiólogo estadounidense e gañador do premio Pulitzer Edward O. Wilson (1929-2021), tomou ideas da hipótese Gaia para defender que só cunha audaz protección mundial de grandes territorios, poderíase lograr unha conservación efectiva da biodiversidade e un funcionamento axeitado do planeta Terra. A súa obra de 2016 Half-Earth: Our Planet's Fight for Life (Media Terra: a loita do noso planeta pola vida) é mostra disto.

Por que está en voga esta palabra?: como un primeiro paso para lograr esa ideal (e necesaria) protección da metade a superficie terrestre que propoñía E. O. Wilson, a Organización das Nacións Unidas resolveu hai menos dun ano en Montreal (Canadá) protexer o 30% da superficie do planeta antes de 2030, aportando 30.000 millóns de dólares anuais en axudas á conservación. A propia ONU chegaría a un acordo tres meses despois (marzo de 2023) para, tamén, protexer o 30% dos océanos de aquí a 2030. Como “guinda”, a Lei de Restauración da Natureza da Unión Europea, recentemente aprobada, asume que ao menos o 20% das áreas terrestres e marítimas degradadas nos países da UE deberán contar con medidas efectivas de restauración dos hábitats naturais para 2030. Se se aplicaran e ampliaran estas accións para lograr un 30% de áreas protexidas e un 20% de zonas degradadas restauradas (tanto para territorios terrestres como para áreas marítimas), estaríamos destinando media Terra para a natureza, dando así unha oportunidade para que o planeta siga autorregulándose.

Tracking Pixel Contents