Unha cidade para levar no peto
Xosé Duncan edita ‘Trazo Atlántico’, un libro recortable de estampas coruñesas representativas e que conforman un percorrido polo centro da cidade

Xosé Duncan, cun exemplar de ‘Trazo Atlántico’. | // IAGO LÓPEZ / M. O. M.
“Monumentos, arquitectura, natureza, tesouros gastronómicos, tranquilos momentos de lecer e noites de celebración. Todo iso é o que esta proa atlántica pode ofrecer a quen queira gozar dela”. Non é tarefa doada recoller toda a singularidade dunha cidade como A Coruña en 12 estampas. O editor e fotógrafo Xosé Duncan ofrece a súa escolma propia en Trazo Atlántico, da man da editora Bululú; un libro-obxecto que traza un percorrido polo centro da cidade en 12 postais. “Está concibido como obxecto turístico, que sexa atractivo para coruñeses, para visitantes nacionais e para cruceiristas internacionais. O reto estaba en engadir imaxes que fixesen recoñecibles os sitios, o que implica sacrificar un pouco a parte creativa pola identificativa”, sinala Duncan.
Se ben as imaxes amosan localizacións coñecidas por calquera coruñés, como as galerías da Mariña ou os menhires do Campo da Rata, as capturas non renuncian ás perspectivas orixinais, a xogar cos reflexos e a rachar coa harmonía da paisaxe fotografiada: así, unha rapaza espontánea rouba a centralidade da imaxe en Rego de Auga baixo os arcos do Teatro Rosalía, ou un rechamante paraugas amarelo marca a simetría case perfecta do mar do Orzán fronte ao paseo. “Intento ter sempre un punto de fuga moi marcado, non tanto buscando o obxecto final, como o percorrido que fai a vista seguindo as liñas, onde sempre atopas algo”, debulla Duncan. O libro ten, ademais, vocación de mapa; xa que cada postal leva incorporado un código QR que achega a súa ubicación en Google Maps. “Tratei de incluír imaxes que trazasen un percorrido que puideses facer no día”, rebela o autor.
Trazo Atlántico nace para desfacerse, e así pasar de man en man, ca fin de que calquera poida recortar algunha das estampas e recuperar ese vello costume de mandar postais. “Sempre dicimos que a xente pode mercar dous; un para destrozar e outro para ter”, di con sorna o autor. E para lembrar o obxecto da correspondencia, o libro deixa unhas liñas, a carón da miniatura da postal agasallada, para que o emisor poida deixar constancia de quen é o agraciado, e así non esquecer que espera resposta. Alén de libro, recortable e mapa, Trazo Atlántico é tamén poemario; xa que cada unha das imaxes vai acompañada dunha pequena composición sobre a nota emocional que suxire cada lugar.
- Una librera de A Coruña estalla tras sufrir la estafa de este autor: 'Non vas ver un céntimo
- La mastectomía endoscópica se afianza en el Chuac de A Coruña: «Es mucho menos invasiva»
- La residencia de Eirís, financiada por Amancio Ortega, abrirá a final de año
- Un concierto anunciado por el Concello en Riazor abre otro frente con el Dépor
- Abre Spark81 en A Coruña: el primer espacio de juegos inmersivos en Galicia
- La Xunta pone condiciones ambientales a los 250 chalés y 214 pisos en Monte Alfeirán
- La ruta de senderismo con espectaculares cascadas y un paisaje idílico a media hora de A Coruña
- Una jamonería ‘de cine’ en el centro