Ecodicionario galego

Ecodicionario galego: 67. Idioceno

Ecodicionario galego

Ecodicionario galego / LOC

Cosme Damián Romay Cousido | Biólogo

Definición: s. m. Época caracterizada por desequilibrios ambientais ou económicos causados polas accións dunha única especie (a humana). Esta definición non aparece (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Distopía: mundo imaxinario que se considera como fortemente negativo. Antropoceno: época máis recente do período cuaternario na que as actividades humanas empezaron a provocar importantes e permanentes cambios biolóxicos e xeofísicos a escala mundial. Negacionismo: actitude que consiste na negación de determinadas realidades e feitos históricos ou naturais relevantes. Estas definicións, agás a última, aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: o termo Idioceno provén da unión das palabras idiota e o sufixo grego -ceno (kainós), que significa “novo”, no sentido de “aparición de”. Dá un cariz aínda máis crítico á palabra Antropoceno. Foi acuñado no ano 2014 polo poeta anarquista estadounidense John P. Clark (n. 1928), alias Max Cafard, quen indicou que “Idioceno é o nome preciso para unha época que é á vez suicidamente estúpida e tamén ecocidamente privatizadora”. Ao ano seguinte, o grupo pseudocientífico Carbon Sense Coalition (Coalición a favor do carbono, activo desde 2007) usou esta palabra para criticar as restricións ás emisións de CO2 acordadas por parte dos países participantes na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP21), celebrada en París en 2015. Aducían (erroneamente) que as limitacións ao CO2 chocaban contra o propio ciclo natural do carbono, e que ditas restricións poderían comprometer o avance económico dos países.

Por que está en voga esta palabra?: hoxe en día, a idea de Idioceno non sería posible sen a masiva desinformación existente nas redes sociais (e non só nestas). Ideas peregrinas, acientíficas e interesadas —tamén chamadas “feitos alternativos”— son tomadas como verdades absolutas, e poden dar ao traste con décadas de investigación científica seria e coas aplicacións prácticas dos logros científicos nas políticas públicas. A saúde, a conservación da natureza, o cambio climático e mesmo a propia investigación científica son as vítimas máis aparentes desta auténtica distopía informativa que gaña adeptos dun xeito sorprendentemente rápido. No actual Idioceno, semella que o método científico está pasado de moda, e que a solución a problemas complexos ofrécese en base a “razoamentos simples”. En relación con isto, non está demais recomendar dúas producións cinematográficas: Don’t Look Up (Non mires arriba), de 2021, do director estadounidense Adam McKay (n. 1968); e, un lustro antes da invención da palabra Idioceno, o documental The Age of Stupid (A idade do estúpido), dirixido pola británica Franny Armstrong (n. 1972).