Ecodicionario galego

83. Ecoansiedade

Ecodicionario galego

Ecodicionario galego / LOC

Cosme Damián Romay Cousido | Biólogo

Definición: s. m. Síndrome ou resposta emocional asociada a pensamentos intrusivos sobre o futuro do planeta, incluíndo medos incontrolables a distintas catástrofes climáticas e biolóxicas. Esta definición non aparece (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Solastalxia: melancolía ou sensación de desolación, mesmo patolóxica, que as persoas teñen cando a súa contorna (física ou social) é alterada ou degradada. Angustia: sensación de intranquilidade e sufrimento acompañada de alteración física, producida pola incerteza, a inseguridade, a aprehensión, o medo etc. Depresión: estado psíquico caracterizado por tristeza, cansazo e desánimo, que pode ir acompañado de ansiedade. Estas definicións, agás a primeira, aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito de naturalismo? O primeiro uso da verba ecoansiedade débese, como no caso da palabra solastalxia (case sinónima), ao profesor emérito en sustentabilidade ambiental Glenn Albrecht (n. 1953), quen relacionaba ecoansiedade cun medo crónico ao colapso medioambiental. Co paso dos anos, comezáronse a describir síntomas dentro desta “ansiedade ecolóxica”, que abranguían desde taquicardias e ataques de pánico ata tristeza paralizante e dor desesperada. Todo isto exacerbado por unha necesidade constante de buscar información (para crear así unha falsa impresión de control). A recente obra Eco-Anxiety and Pandemic Distress (Ecoansiedade e angustia pandémica), na que participou o astrobiólogo e psicólogo estadounidense Douglas A. Vakoch (n. 1961), subliña que as relacións sociais das persoas con ecoansiedade tenden a tensarse, provocando ira social e logo autoillamento.

Por que está en auxe esta palabra? A ansiedade perante catástrofes ambientais e o cambio climático comeza a ter certa prevalencia na poboación: a Asociación de Estudos Psicolóxicos e Sociais, radicada en Zaragoza, estimou en 2023 que o 11% da poboación española sufriría ecoansiedade de maneira severa, sobre todo adolescentes e adultos novos. En efecto, as xeracións novas son as máis sensibles á problemática ambiental, mesmo chegan a experimentar resentimento cara ás xeracións anteriores por non ter conservado de xeito eficaz os espazos naturais e freado a crise climática. Aínda que non foi (aínda) clasificada como trastorno mental ou patoloxía, a verba ecoansiedade (á par que solastalxia) comeza a ser manexada por profesionais da psicoloxía, que mesmo aventuran un aumento de consultas por esta causa nos vindeiros anos. Estes mesmos profesionais sinalan que a mensaxe que deberiamos transmitir na infancia e adolescencia é a de esperanza, animando á mocidade a ser partícipe do activismo social e ambiental. Sería moi positivo substituír as horas de dedicación á lectura de información ecoloxicamente desoladora en redes sociais e na prensa, e comezar a vivir ese mesmo tempo nos recunchos que aínda conservan natureza de calidade. Con este ansiolítico natural xurdirán actitudes resilientes fronte ao negativismo e a pasividade.