Entrevista | Quique Peón Director de Xacarandaina, gañadores do II Premio Opinión Acontecemento Musical do Ano

“Hai moita dificultade para conseguir diñeiro para levar a nosa cultura ao exterior”

“Os nenos deberían ver ‘Endaterra’ porque a finalidade é crear amor á terra”

Quique Peón, director de Xacarandaina, nun ensaio xunto a compoñentes da agrupación.

Quique Peón, director de Xacarandaina, nun ensaio xunto a compoñentes da agrupación. / VÍCTOR ECHAVE

A agrupación Xacarandaina recibirá o II Premio Opinión Acontecemento Musical do Ano gracias ao seu exitoso espectáculo Endaterra, na gala dos XXIII Premios Opinión da Música de Raíz que terá lugar o 2 de abril no teatro Rosalía. “É un espectáculo digno do premio”, defende o seu director, Quique Peón.

O vindeiro martes recollen o II Premio Opinión Acontecemento Musical do Ano por Endaterra. Como o recibe?

Creo que é un espectáculo digno do premio. Levamos xa varios premios e estamos que damos palmadas coas orellas, a ver se así se enteran ben as institucións e os concellos e contratan Endaterra, que vale moito a pena e esgotamos as entradas en todos os sitios onde actuamos.

Cal é o valor deste espectáculo?

É un espectáculo musical de gran formato no que participan 90 persoas, entre técnicos e artistas. Creo que é un espectáculo importante para Galicia, está feito dende a terra do Camiño Inglés. O que se pretende é fomentar o amor á terra e a identificación da xente coa súa cultura tradicional e tamén que o público sufra unha transformación. Cando se fai o Camiño a finalidade última é ser unha persoa diferente, transformarte, e creo que iso está conseguido con este espectáculo.

Detrás hai moitos anos de traballo, non si?

Foi un espectáculo complicado de facer porque detrás hai moitísimo material de recollida. Levamos 45 anos facendo traballo de recollida de campo e o material era moito. O que máis traballo levou foi o cribado dese material e que encaixara dentro do guión do espectáculo. Fixemos algunha pescuda máis e unha recolla para ver se encontrabamos algo que nos puidera valer para o espectáculo. Encontramos traxes, músicas e algunha tradición nova e o incluímos. Quedou un espectáculo moi redondo, a verdade.

Tense perdidas moitas danzas tradicionais?

Perdido está case todo, son usos antigos que xa non se usan, só se conservan algunhas danzas. Xa non hai aquelas foliadas antigas. Nós intentamos ser moi estritos co material, de forma que se busca un equilibrio entre o escénico e o tradicional puro de forma que o público reciba una información o máis veraz posible sen renunciar a un tema escénico. A nosa música é marabillosa e preciosa, non lle fai falta condimento case. Simplemente hai que colocalo en escena de forma que resulte cómodo para o público.

É vostede perfeccionista?

Dá un pouco de pudor dicilo pero a verdade é que si. Hai que ser un pouco estrito para ser fiel ao que encontras. Somos un territorio con moitísima música e tradición e temos un material que non existe no resto de Europa. O noso é un caso excepcional. Estamos nun ecuador moi xugoso folcloricamente, no medio do arco Atlántico, a cabalo entre a forma de percutir entre as mulleres africanas e a música máis aérea dos países celtas do norte.

E un espectáculo como Endaterra chega ao público máis novo ou hai prexuízos?

Non é un tema de prexuízos, pero os rapaces teñen moitos estímulos alleos á nosa cultura e entón non teñen a posibilidade de ver grupos e espectáculos de calidade baseados na nosa cultura tradicional. Creo que é ignorancia máis que outra cousa. Os nenos deberían ver un espectáculo destas características porque a finalidade é crear amor á terra.

Pero agora a xente nova está moi activa, basta con ver o ambiente dunha foliada a día de hoxe.

É un fenómeno marabilloso. Hai anos cando había un grupo folk ninguén bailaba, estaba todo o mundo de miranda ou desfrutando da música simplemente. Pero agora nun concerto a metade do público quere bailar, non estar de miranda. Se fixo un traballo de recuperación cultural a nivel rúa extraordinario. Ás veces parece que as cousas nacen solas, pero as foliadas non existían, fómolas facendo nós. É un traballo que levamos facendo un montón de tempo os grupos folclóricos. Levounos anos, pero é una fachenda. Desfrutar da túa propia cultura eleva a alma.

O premio que reciben levouno o pasado ano Tanxugueiras. Que lle parece o fenómeno destas mozas?

As Tanxugueiras son unha consecuencia de todo o traballo que viñemos facendo durante anos, está claro. Me parece marabilloso que cheguemos a este punto. Isto foi un antes e un despois, está claro, pero hai xente breando dende hai moitos anos, abrindo portas.

Que acollida ten Xacarandaina alén das nosas fronteiras?

Nós imos ao estranxeiro e o éxito é rotundo. Temos moitas peticións de festivais internacionais, o caso é que non hai axudas suficientes para poder ir.

Pois vaia bágoa, non?

Pois si, hai moita dificultade para conseguir diñeiro para poder viaxar e levar a nosa cultura ao exterior. As institucións axudan moi timidamente, hai un pouco de desleixo. Se enteran das cousas cando xa están feitas. Danche ganas ás veces de dicir que es de Pernambuco, neno.

Sáelle a súa vena coruñesa.

Eu vivo en Oza pero nacín na Coruña. Son koruño a tope e non o quero nin penso disimular. É o meu xerme dalgunha maneira. Non se poden perder esas cousas.