Entrevista | Cielo Fernández Presidenta da Federación de Librarías de Galicia

“Hai unha experiencia na visita á libraría que internet nunca poderá ofrecer”

Cielo Fernández.

Cielo Fernández. / LOC

A Federación de Librarías de Galicia xa ten toda a maquinaria posta en marcha para a celebración das feiras do libro nas principais cidades galegas. Na Coruña terá lugar do 1 ao 10 de agosto. “Este ano pechamos un convenio co Concello da Coruña, un paso moi importante”, comenta Cielo Fernández, presidenta da Federación.

Gozan de boa saúde as librarías?

O sector non vai nada mal. Galicia é unha das comunidades que máis librarías ten e é un sector estable, hai algún peche pero tamén abre algunha libraría nova. A saúde das libraría é o suficientemente boa como para que as persoas que temos unha libraría podamos vivir dela.

Na cidade da Coruña abriron varias librarías no último ano. Bo sinal?

Si, e as librarías están cambiando de concepto. Seguen sendo un espazo de libros, pero a maneira de enfocalas ofrece un movemento de actividades culturais más alá da venta e compra. A librarías estamos aglutinado o encontro cultural que rodea ao libro. É un proxecto moi atractivo e o público está ben receptivo. As lectoras temos unha querencia especial coas librarías. A xente que ama os libro tamén ama as librarías. Iso e o prezo fixo sostén o negocio.

Que tal levan as librarías os retos da dixitalización?

Vivimos nun cambio constante e cada vez máis acelerado. Primeiro foi o libro electrónico, que para nada desbancou ao papel. Despois a venta online, que as librarías tamén aproveitamos. Agora parece que vén isto da intelixencia artificial, que veremos como inflúe no sector.

Como afectou o auxe das grandes plataformas de venta online?

As librarías temos moito atractivo para o público lector, ao que lle gusta tocar os libros e botarlle unha ollada nun espazo físico no que estar rodeado de libros. Hai toda unha experiencia en torno á visita a unha libraría que internet nunca poderá ofrecer. Os lectores queren librarías independentes e apoiar coa súa compra ao comercio local. Unha libraría é un valor para a sociedade e para a economía local.

Hai apoio institucional?

Hai apoio para cousas como as feiras do libro, ou o fomento da venta a través de accións como o bono cultural. Pero si que hai asuntos que podería mellorar, sobre todo o tema da compra institucional de libros, que recaia máis nas librarías, que non sempre é así.

O pasado ano a Federación denunciou que non conseguía pechar un convenio co Concello da Coruña para a feira do libro. Asunto pechado?

O ano pasado parecía que o convenio ía saír adiante e ao final dunha maneira un pouco estraña resultou que non. Pero este ano dende o principio a postura do Concello foi claramente de apoio e si que se chegou a pechar ese convenio. É un paso moi importante..

É que a feira da Coruña move a moita xente

É a feira de Galicia máis grande en participación. É unha feira que arraigou moi ben e con moita forza na cidade. Iso fai que sexa moi atractiva para as librarías, os autores e as editoras e para o público. É unha feira con moita forma e importancia en Galicia.