Entrevista | Rosa Cedrón Cantante e violonchelista. Vén de ser nomeada académica da Real Academia Galega de Belas Artes

“Véxome como unha especie de nexo de unión entre o máis académico e o popular”

“Endexamais rexeitei as miñas raíces” | “Antes era moi difícil que unha discográfica che dera a oportunidade de sacar un disco, agora con internet están as portas abertas para todos”

A artista Rosa Cedrón.   | // MARCOS MOURE

A artista Rosa Cedrón. | // MARCOS MOURE / Ana Carro

“Muller polifacética e versátil, posúe numerosos e importantes premios que acreditan unha carreira profesional de máis de vinte nos que sempre mantivo o seu firme compromiso coa música galega”. Así fala a Real Academia Galega de Belas Artes da cantante e violonchelista Rosa Cedrón, nova académica numeraria. Cubre a praza do pianista Ramón Castromil Ventureira, falecido en 2022.

Como recibe o nomeamento da Real Academia Galega de Belas Artes?

A verdade é que non contaba. Sabía que estaba a proposta enriba da mesa, pero non contaba. Foi unha sorpresa moi moi grata.

Que pode aportar da súa experiencia no mundo da música á esta entidade?

Eu case me vexo coma unha especie de nexo de unión entre o máis académico e o popular. A miña vida artística e musical sempre estivo a cabalo entre a música clásica, a música tradicional e a música moderna. Clasifícanme como una artista moi versátil. Eu supoño que quizais iso foi un factor determinante.

A entidade destaca o seu “firme compromiso coa música galega”. É algo que sempre estivo presente na súa traxectoria?

Si. Empecei moi noviña no eido da música clásica. Pertencín á Orquestra de Cámara da Coruña ata que chegou a Sinfónica e pasei a formar parte da Banda. Tiña 17 anos e agora 51. Toda unha vida. Quizais a xente me coñece desde que entrei en Luar na Lubre.

Aquel primeiro concerto coa banda foi nos anos 90 no teatro Rosalía de Castro. Como lle marcou Luar na Lubre?

Mira que pasou o tempo e en 2005 comecei a miña carreira en solitario, pero hai pouquiño xuntámonos todos no teatro Colón, con Encrucillada, e foi unha marabilla. É unha forma de recordar de onde veño e como comecei. Estou vivindo outro ciclo. Media vida adicada a isto e agora a outra media chega con cousas novas, pero sempre lembrando as miñas raíces.

Non rexeita o seu pasado.

Sempre levei con orgullo o meu pasado. Cando deixas algo, levas a etiqueta, pero non é tal, é parte da miña identidade. Empecei fóra da música clásica porque Bieito [Romero] confiou en que eu podía facer un bo papel no grupo. Deume a oportunidade de estar aí. Coincidiu na época na que Mike Oldfield decidiu facer ese The song of the sun. Foron os meus inicios na música popular. Son os meus padriños. Endexamais rexeitei as miñas raíces.

Tamén estaba metido aí o irmán Javier. É unha peza clave na súa traxectoria?

Si. Non só nese momento, en toda a vida. É alguén fundamental na miña vida e tamén na forma de entender a música. É un compañeiro eterno.

Comparte con el a paixón pola música tradicional. Agora vemos que moitos artistas e grupos miran cara o pasado para crear e apostan polo folclore. Que pensa disto?

É verdade que está todo inventado, pero o que cambia é a alma e a esencia de cada artista. Por exemplo, todo o mundo pode facer unha empanada cos mesmos ingredientes de toda a vida pero cada unha sabe diferente porque depende do arte de cada un. Agora mesmo hai tanta xente que está a facer cousas preciosas e non só revisitando o que xa está feito senón poñendo o seu saber. Hai moita brisa fresca. A xente tamén se anima moitísimo porque hai outras plataformas. Antes era moi difícil que unha discográfica che dera a oportunidade de sacar un disco. Agora están as portas abertas para todos, para ben e para mal, tamén o digo. É unha ferramenta marabillosa para os que queren amosar o que están facendo. Tamén é un momento perigoso porque hai propostas que teñen que ver pouco co arte, como a Intelixencia Artificial para facer un tema.

Que escoita vostede no seu tempo de lecer? Se ten ese tempo...

Teño pouco. Ando dividida entre ser nai, filla e músico. Pero case sempre estou escoitando música, pode ser música clásica, jazz, de películas... Gústame moito descubrir artistas novos.

En 2021 publicou o seu terceiro disco en solitario, Nómade. Como o analiza na distancia?

Pasou tempo, si. Saíu nunha época difícil porque era momento de recuperarse do tempo que estivemos pechados na casa. Para os músicos foi durísimo. A min persoalmente me deixou bastante queimada e con ganas incluso de deixalo. Non disfrutei moito de Nómade por iso. Cheguei a plantearme se pagaba a pena. Sei que é unha carreira de fondo e ás veces costa saír adiante, pero non podo nin quero facer outra cousa na vida. O da xubilación non se contempla. Cheguei á conclusión de que o importante non é o mensaxeiro, é a mensaxe. E pode ir destinado a dúas persoas ou a dos millóns.

Haberá novo disco proximamente?

Non o sei. De momento, non o teño en mente. Si quero facer algo para celebrar os 30 anos adicados á música.

Suscríbete para seguir leyendo