No mundo rural da miña adolescencia, de alongados e profundos silencios, tiñan moita importancia os xestos, en non poucas ocasións sustitutivos das palabras. Pasados os anos decatámonos da súa relevancia na nosa educación sentimental e intelectual tecida por trazos ocultos que nos anoan á sociedade: un sorriso, unha caricia, unha defensa oportuna sen palabras, unha aprobación xestual, un convite, unha pausa e, como non, tamén unha reprobación.

Acaba de falecer, case centenario, Máximo Sar, pseudónimo periodístico de Maximino Rodríguez Buxán, xuíz de Caldas. Na década dos sesenta do século pasado, como corresponsal de La Noche, achegábase a Rianxo para xestionar as páxinas que o xornal santiagués dedicaba ás festas da Guadalupe seguindo unha tradición que se tiña iniciado co Galicia de Vigo dirixido por Paz Andrade, sendo corresponsal na comarca Manoel Antonio. O ritual era sempre o mesmo, parada en Asados para facerse acompañar polo poeta Santos Suárez, con cita no “Lar Galego” de Ricardo Suárez e recorrer cafeterías, talleres, cines e comercios do concello co obxectivo de conseguir a publicidade necesaria para financiar o extraordinario do xornal. Por primeira vez deume Máximo Sar, coa complicidade do meu veciño Santos, a oportunidade de confraternizar nun faladoiro improvisado, sentirme adulto arredor dunha taza de ribeiro, e familiarizarme coa letra impresa mediante un artigo de encarga sobre o ilustre frade francisco Luís Iglesias, natural da miña aldea natal. Descoñecía neste momento o papel esencial que desempeñara Máximo Sar na recuperación da documentación de Manoel Antonio. Soamente despois de consultala moitos anos despois, grazas á Fundación Barrié, puidemos aquilatar tan decisiva colaboración, cando identificamos a súa xenerosa información manuscrita dirixida ao encargado da futura edición do poeta de Rianxo. É por esto nomeadamente que quero deixar constancia do meu agradecemento a Máximo Sar, pola dilatada e longa lealdade que gardou a Manoel Antonio. Grazas a esta podemos hoxe gozar coa lectura da súa obra. El foi un dos seus primeiros lectores e admiradores que impulsou a publicación da obra do escritor rianxeiro. Como veciño da Trabanca de Abaixo (Padrón) gañou a confianza e amizade de dona Pura, a nai do poeta, sendo mediadoras desta relación as súas tías María e Ánxela. Desde 1946, vendida a casa na que falecera o poeta en Asados, os papeis e biblioteca de Manoel Antonio estaban xa dispersos entre as casas familiares dos Sánchez na rúa do Medio de Rianxo e a que a nai do poeta habitaba na Trabanca. Non sería posible a exhumación dos papeis de Manoel Antonio e a conseguinte publicación dos mesmos sen a intervención de Máximo Sar. Son cómplices desta misión recuperadora, Borobó, Roxelio Pérez e García Sabell, que comparten foto histórica, diante da que fora a casa do poeta en Asados, e protagonismo nunha crónica de viaxe, a primeira do mozo Maximino, publicada en La Noche (21-IV-1956) co título Tras las huellas de Manuel Antonio. Nela relata o que chama o “escrutinio”sen que falte, rematada a recollida do material e depositada no Simca que os trasladou, o menú do xantar no cabo da vila, na da “Chucha”. A crónica remata con palabras premonitorias: “Ahora tiene la palabra García Sabell”, que tardou 16 anos en publicar o tomo primeiro.

Anos máis tarde no extraordinario de catro páxinas que o xornal santiagués dedica a Rianxo con ocasión das festas de Guadalupe (sábado 11-IX-1965) Máximo Sar inserta na súa crónica en gabanza de “Asados, terra maravillosa”, un poema inédito de Manoel Antonio titulado As horas d´o Outono. Pasou totalmente desapercibido este agasallo entre os anuncios do Bar Segis, Gaseosas La Pitusa, Rianxeira ou Zabala (que “no necesita anunciarse”, según reza o texto). Seis anos máis tarde cando lle lembra ao editor a posibilidade de reproducilo no tomo da poesía (1972) xa chega tarde según contestación da editorial Galaxia. Para información do editor, copiou cartas, fixo unha relación dos libros custodiados pola nai en Padrón e recolleu valiosos datos biográficos que, malia circular como información do editor, debemos a Maximino Rodríguez Buxán, ese ignorado e leal albacea dos papeis de Manoel Antonio. Beizóns.