Turismo Cerca

Illa da Toxa, estandarte de lendas e historia

O novo monumento de Lucas Míguez converte á Capela das Cunchas nunha parada imprescindible para estes días

Inauguración da escultura tributo ao burro, segundo a lenda, descubriu as propiedades das augas da Toxa.

Inauguración da escultura tributo ao burro, segundo a lenda, descubriu as propiedades das augas da Toxa. / Noe Parga

B.C

“El Colón de este nuevo mundo de salud fue un borrico. Un verdadero borrico, cuadrúpedo, cubierto de mataduras y de tiña, al que abandonaron, por no descoyuntarlo, en la isla desierta. Y al cabo de algunos meses cuál sería la sorpresa del dueño al encontrar, en vez de un esqueleto, un burro sano, saltando, con el pelo tan reluciente que envidiaría la cabalgadura de Sancho Panza. El animal se había revolcado en las saludables lamas. Sus heridas desaparecieron”. 

Así contaba Emilia Pardo Bazán xa no ano 1899 esta fermosa lenda que explica como e cando foron descubertas as augas mineromedicinais da Illa da Toxa, un paraíso na terra e un dos estandartes máis exclusivos de todas as Rías Baixas, que precisamente vén de estrear escultura de bronce para conmemorar esta historia e render, ao tempo, homenaxe a unha das escritoras máis ilustres da nosa historia.

Un monumento de Lucas Míguez que vai máis alá da esfera física e co que o concello do Grove, e máis en concreto a concellería de Medio Ambiente dirixida por Ángeles Domínguez, quere pór en valor e conservar o patrimonio inmaterial que simbolizan as lendas galegas.

Ubicado ao lado da histórica ermita de San Sebastián, máis coñecida como Capela das Cunchas por estar enteiramente cuberta de vieiras, o monumento convértese deste xeito nunha nova parada imprescindible dos xardíns e un reclamo a maiores para visitar a zona esta Semana Santa. 

Ruta autoguiada

Unha contorna na que grovenses e visitantes poderán gozar tamén estes días dunha ruta autoguiada durante a que distintos paneis permitírannos coñecer de preto e en primeira persoa a historia e as curiosidades que agochan os lugares estratéxicos da Illa da Toxa. Testemuñas do ilustre pasado e presente deste destino do talle do Gran Hotel Balneario da Toxa, a antiga fábrica de xabóns, o balneario antigo ou a propia Capela das Cunchas. Todos os paneis da ruta autoguiada, instalada polo Concello do Grove no ano 2020, conteñen códigos QR e NFC cos que se accede a audios explicativos.

Para saber máis: Turismo de O Grove