Festas galegas con sabor a mar

Que mellor para exaltar o Día de Galicia que as xoias culinarias da nosa comunidade »» Eleximos catro citas únicas para lamber os dedos en agostro

Pulpeiras e pulpeiros de O Carballiño revalidaron o record da tapa de pulpo máis grande do mundo durante a última edición

Pulpeiras e pulpeiros de O Carballiño revalidaron o record da tapa de pulpo máis grande do mundo durante a última edición / Brais Lorenzo

Cada ano, o verán galego énchese de centos de festas. Bandas, charangas, orquestras e atraccións non dan a basto; ao igual que tampouco o facemos nós, os galegos, cunha axenda máis apretada ca do rei de Inglaterra. 

O denominador común non pode ser outro que a nosa cultura enogastronómica e é que, se algo temos en grandes cantidades na comunidade, iso son produtos culinarios e vitivinícolas dignos de exaltación ben rodeados de amigos e familia. 

Para celebrar o Día de Galicia e como é imposible resumir todas estas festas nunha soa folla de periódico — nin nun periódico enteiro —, eliximos catro festas — unha por provincia— que terán lugar durante o mes agosto. Contamos cos sabores do mar coma aliados e fío condutor. 

Bonito de Burela - Lugo

Festa de Interese Turístico Nacional e con case catro décadas de historia, a Feira do Bonito de Burela convértese cada primeiro fin de semana de agosto na oportunidade perfecta para gozar do Bonito do Norte, unha xoia gastronómica da que Burela é orgullosa capital, cun dos portos máis importantes do mundo para este manxar. Unha celebración que, máis alá do pracer da degustación do Bonito do Norte, serve tamén para reivindicar a pesca sostible e o consumo de produtos de calidade. 

Pulpo de O Carballiño - Ourense

Seguindo coa saborosa fauna do mar chegamos a nosa seguinte parada: A Festa do Pulpo de Carballiño, declarada de Interese Turístico Internacional, celébrase cada segundo fin de semana de agosto para deleitarnos co mellor pulpo de toda Galicia, redondeando a combinación perfecta con churrasco, bailes, orquestras, e, en resumo, unha auténtica festa galega. Por certo, sabes que aquí, complétase cada ano a tapa de pulpo máis grande de todo o mundo? 

Festa do Mexillón de Vilanova - Pontevedra

Tamén en agosto, pero neste caso en Vilanova de Arousa, provincia de Pontevedra, podemos aproveitar para degustar xoias mariñas das que esta terra é fértil produtora como e o caso dos mexillóns e berberechos. Unha festa declarada de Interese Turístico de Galicia que cada verán acolle o xardín Umbrío da vila e que, por que non, podemos complementar con outra cita gastronómica que ten lugar moi preto: A Festa da Ameixa de Carril, en Vilagarcía. Por certo e sendo claro que o marisco das Rías Baixas sabe mellor maridado cun bo albariño, non podemos deixar de mencionar o Albariño de Cambados, que cada ano reúne a milleiros de persoas durante a primeira semana de agosto. 

Percebe de Cedeira - A Coruña

Esta festa gastronómica adicada a un dos máis prezados crustáceos de cantos temos en Galicia terá lugar os vindeiros 5 e 6 de agosto na vila coruñesa de Cedeira, onde, ademais de poder degustar deliciosos percebes a prezos populares no porto pesqueiro, poderemos gozar tamén do pulpo e empanada, maridado todo elo con boa música e verbena, ademais de, por que non, grandes viños galegos.