Chega o día grande das Festas do Apóstolo

Os tradicionais cabezudos xa están listos para render homenaxe nas rúas de Compostela ao patrón de Galicia nun 25 de Xullo cheo de concertos e actividades de le

O pregón a cargo do grupo Leilía inaugurou as festas do Apóstolo este xoves.

O pregón a cargo do grupo Leilía inaugurou as festas do Apóstolo este xoves. / ANTONIO HERNÁNDEZ RIOS

A cidade de Santiago de Compostela suma xa varias xornadas de celebracións e prepárase para vivir hoxe o día grande das Festas do Apóstolo coa tradicional Misa Solemne e Ofrenda Nacional ao Santo das 10.30 horas na Catedral, na que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, collerá o testigo do Rei Felipe VI para exercer por primeira vez coma delegado rexio. 

Tampouco hoxe faltará a famosa comparsa de cabezudos, que percorrerá as rúas da cidade histórica a partires das 12.30 horas. Este ano súmase tamén como novidade o acto institucional ‘Alba de Compostela’, inspirado no famoso poema de Castelao e creado polo Concello para homenaxear “as persoas, institucións e organizacións que constrúen Compostela todo o ano”, en palabras da propia alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín. 

As actividades de lecer e culturais seguirán a marcar a pauta coas prazas do Obradoiro e da Quintana coma escenarios principais para os concertos, por onde xa estes días teñen pasado nomes como The Original Wailers, Sarah Mccoy, Angel Stanich, Xabier Díaz ou Adufeiras de Salitre e nas que hoxe mesmo actuarán Cimafunk (Quintana) e Seso Durán (Galeras). 

Tamén a Alameda exerce coma un dos epicentros das celebracións ao acoller varias orquestras e as populares atraccións do Apóstolo ata o vindeiro dia 31 de xullo. Unha proposta que este ano amplía o horario inclusivo sen ruído a tres días, en concreto o 22, 28 e 29 de xullo, en horario de 17:00 a 19:00 horas, respondendo á demanda de varios colectivos da cidade.

Alboradas, circo, danza e por suposto, as citas tradicionais do Apóstolo e os espectáculos pirotécnicos completan o programa dunha edición que arrancou xa o pasado xoves co pregón a cargo do mítico grupo Leilía. 

Deste xeito e entre os nomes que pasarán pola Quintana no que resta das festas, atópanse propostas para todos os gustos e estilos como Cimafunk (martes 25), Tito Ramírez (mércores 26), Verónica Codesal (domingo 30) Xurxo Fernandes (domingo 30) e Bratzantifa Pongo (luns 31).

Tampouco faltarán na Quintana dúas citas que xa son tradicionais: o concerto da Banda Municipal, que nesta ocasión estará acompañada pola Europeiska Orkiestra, o xoves 27; e o concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Baldur Brönnimann, o venres 28.

Parque de Galeras

Pola súa banda, o parque de Galeras está a acoller un ano máis un ciclo de oito concertos para todos os gustos e por onde a partires de hoxe pasarán Seso Durán (25 xullo), Catuxa Solom (mércores 26), The Rapants (venres 28), Sila Lúa (sábado 29) e Apart (domingo 30).

Praza de Mazarelos

Ademais e tamén desde hoxe, a praza de Mazarelos servirá de escenario para varias citas musicais: Amaltea, o chelista Jorge Suárez, ganador do XIII Concurso Peregrinos Musicais, os ensembles 4 estacións de Vivaldi e CSG, Micha Zemtsove e Ilona Timchenko e Proxecto Lorca.

Aposta pola danza

A danza está a ser outra das grandes protagonistas das festas con figuras como Óscar Cobos, o espectáculo de Endaterra da Asociación Cultural Xacarandaina, as Xornadas do Folclore ou a proposta de Danza Itinerante.

En chave tradicional

Súmanse a todo isto eventos emblemáticos do Apóstolo como o XLV Torneo de chave, o Día de Padrón ou o Día do Traxe Galego. Unha cita, esta última, que vai unida dende hai décadas ás festas do 25 de Xullo, e que este ano terá lugar o vindeiro sábado 29 de xullo con desfiles, exhibicións e o tradicional certame. Ademais e tras unha exitosa primeira edición o pasado ano, volve a Feira do vestir “De onte a hoxe” que ofrecerá na praza da Quintana pasarelas e obradoiros para todas as idades ao longo de toda a xornada.

TRAD FEST

Tamén chega un ano máis o TRAD FEST, que se desenvolverá ao longo deste domingo día 30 no parque de Bonaval con máis dunha ducia de artistas, boa gastronomía e distintas propostas de artesanía. 

Finalmente, o espectáculo pirotécnico do día 31 porá o gran broche de ouro ás festas ás 23.30 horas desde a cidade da cultura. 

Puntos Lila

Desde o Concello informan de que haberá dous Puntos Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais a disposición de todas as persoas que se acheguen á cidade ou participen nos festexos. 

A caseta lila da Alameda está aberta todos os días ata o 31 de xullo entre as 20:00 e a 01:00 horas. Este ano tamén sumarase un Punto Lila no parque de Galeras, que estará aberto entre o 22 e o 29 de xullo, en horario de 19:30 a 22:30 horas.