‘Ruxidoiras’, maxia líquida coa que nos agasalla a nosa terra

Unha ruta polas pincheiras da provincia de A Coruña, onde se atopa unha das nosas fervenzas máis coñecidas

Pincheira de Gosolfre, na ruta de fervenzas do concello de Mazaricos

Pincheira de Gosolfre, na ruta de fervenzas do concello de Mazaricos / Turismo de Galicia

Férvedas, fírvedas, freixas, fechas, ficheiras, chorreiras, cadoiros, saltos, cachóns, callóns, cachoeiras, abanqueiros, ruxidas, rexedoiras, cenzas, caeiras, pincheiras, seimeiras... 

 No Día de Galicia non podían faltar as nosas fervenzas, un tesouro líquido repleto de maxia que nos permite gozar dun contacto especial coa natureza ao tempo que escapamos da calor acubillados pola súa fresca estela. 

Aínda que non é doado determinar o número exacto de pincheiras que se abrazan e escorregan agochadas polo patrimonio natural da nosa comunidade, o que si é seguro é que visitar calquera delas vainos agasallar co plan perfecto para este verán. 

Os xogos de luces, os sons da quietude, a beleza dos bosques que crecen ao seu pe… lévannos da man nunha viaxe a través da provincia da Coruña, abofé que unha terra fértil nestes auténticos poemas visuais. Estades listos? Pois empezamos. 

- Seguro que seu nome se vos fai familiar. A Fervenza do Ézaro, ubicada no río Xallas, cae directamente no mar dende aproximadamente 30 metros de altura para converterse nunha das ficheiras máis espectaculares de toda Galicia. 

- Na Serra da Capelada, en Ortigueira, o Pozo do Inferno ofrécenos unha fermosa fecha que leva auga todo o ano. Ademais, conta cunha ponte de madeira que nos permite achegarnos e vela pasar incluso por baixo dos nosos pés.  

- No concello de Mañón, chegamos a outra parada que namora. A fervenza de Augas Caídas, tamén coñecida co nome da Mexadoira, cae ao río Sor dende o río Seixo ou Couce e ten unha altura duns 50 metros. Para vela dende o outro lado do río, pódese cruzar o mesmo ou remontalo e cruzar a ponte do refuxio de Cubelas.

- A fervenza da Mazoca, no río Sesín, afluente do río Eume que desemboca ao pé do mosteiro de Caaveiro, permitiranos pasear entre un mesto bosque autóctono amen de gozar da presenza varios muíños rehabilitados. Moi preto está o punto de partida do camiño que nos levará ata este salto de auga.

- Na Ruta das fervenzas do concello de Mazaricos, atopamos a de Gosolfre, moi preto da aldea á que debe o seu nome e onde unha pendente pronunciada a través dunha frondosa carballeira lévanos a unha das pincheiras máis impresionantes da zona, rodeada dun mesto bosque onde a luz non penetra. Nesta fervenza é importante ter en conta que o carreiro para baixar á beira da poza é moi empinado, polo que hai que ter moita precaución para non caer.