O ourive galego que traspasa fronteiras con xoias únicas

Desde Serra de Outes, as pezas de Fernando Gallego triunfan como grandes embaxaidoras da Marca Galicia no extranxeiro

O ourive Fernando Gallego en Serra de Outes.

O ourive Fernando Gallego en Serra de Outes.

Estar no rural non supuxo nunca unha barreira para o deseñador e artesán Fernando Gallego, que soubo aproveitar as vantaxes de internet para amosar as súas xoias ao mundo.

Unindo tradición e tecnoloxía, este pontevedrés afincado en Serra de Outes é a demostración de que non é preciso estar na Quinta Avenida para vender alta xoiería e de que nos nosos pobos hai futuro alén dos sectores tradicionais coa creación de empresas innovadoras que se converten en embaxaidoras únicas da marca Galicia.

As súas pezas chegan hoxe a toda España e tamén a outros países como EEUU, Reino Unido e incluso Australia grazas ao compromiso cos detalles e a calidade que o ourive imprime en cada unha das súas pezas. Coa mente posta elaborar xoias duradeiras con deseños actuais e ao mesmo tempo atemporais, Fernando Gallego traballa tamén con antigüidades xenuínas certificadas como frechas gregas ou moedas romanas. 

A chave, cóntanos, reside en crear xoias orixinais que teñan moita personalidade, “que destaquen entre os millóns de pezas que hoxe en día se poden atopar online”, concreta para pasar a engadir que todo isto “hai que acompañalo dunha exquisita atención ao cliente que permita lograr unha sólida reputación online”. 

Novas tecnoloxías para abrir as portas

Igual de importante para o éxito de Fernando Gallego están sendo as Redes Sociais así como as celebrities, actrices, cantantes e escritoras que teñen aparecido lucindo as súas creacións. 

As súas xoias tamén recibiron premios en diferentes concursos coma o Madrid Joya Designer; foron expostas no Museo Nacional de Artes Decorativas; e un dos seus colgantes tivo un papel protagonista na serie británica Discovery of Witches.

Coñecido polo cariño, mimo e orixinalidade que esculpe en todas as súas xoias nunha labora artesanal, artística e histórica, a traxectoria de Fernando Gallego amósanos que hai futuro (e moito) no noso medio rural e que é posible crear empresas innovadoras que se convertan en embaxaidoras únicas da marca Galicia en todo o mundo.