OPINIÓN

Ser algo máis que un anfitrión

Francisco Jorquera

Outubro comeza con dúas importantes cimeiras na nosa cidade. Este martes, día 4, visita A Coruña, para ter un encontro con Inés Rey, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Faría ben a alcaldesa en aproveitar esta reunión para reclamar un maior esforzo investidor da Xunta na nosa cidade, pois o investimento por habitante do Goberno Galego na Coruña é moi inferior á media.

Na Coruña a oferta de vivenda pública promovida pola Xunta é ridícula e o investimento nos centros educativos, escolas infantís ou residencias e centros de día para os nosos maiores é claramente insuficiente, cando non, simplemente, ausente.

Tamén faría ben a alcaldesa en reclamar que a Xunta non utilice o novo Chuac como unha cortina de fume para ocultar os recortes no sistema sanitario público e o desmantelamento progresivo da nosa atención primaria.

Os días seguintes, 5 e 6 de outubro, A Coruña acolle a cimeira dos gobernos español e alemá. Unha ocasión de ouro para demandar dos dous unha posición firme contra o novo regulamento aprobado pola Comisión Europea que pode representar un golpe mortal para un sector vital da nosa economía como é a pesca.

A presenza do Goberno central na Coruña tamén é unha ocasión de ouro para o emprazar a abordar cuestións chave para o futuro da cidade que dependen das súas decisións. Chámense condonación da débeda do porto, implantación de servizos de proximidade por camiños de ferro, devolución ao Concello dos terreos e instalacións titularidade do Estado en desuso ou infrautilizadas ou os investimentos en infraestruturas pendentes.

É bon o diálogo con outras administracións, mais o diálogo é unha ferramenta, ten que dar froitos.

É bon que A Coruña acolla eventos importantes. Porén, o labor de liderado en defensa da cidade é moito máis que exercer de anfitrións.

*Francisco Jorquera é voceiro municipal do BNG na Coruña