Entrevista | Néstor Rego Deputado do BNG e candidato pola Coruña

“Os deputados galegos de forzas estatais votan o que lles mandan as súas direccións en Madrid”

“Eólica si, pero non así. Galiza non pode sacrificar pesca e medio ambiente para que grandes empresas exporten enerxía a Francia”

Néstor Rego, candidato ao Congreso polo BNG.  | JESÚS PRIETO

Néstor Rego, candidato ao Congreso polo BNG. | JESÚS PRIETO / Marta OTero Mayán

O deputado do BNG, Néstor Rego, repite como cabeza de lista da Coruña ao Congreso.

O grupo galego é o claro obxectivo electoral do BNG. É factible?

Creo que hai unha percepción crecente na sociedade de que a mellor maneira de que Galicia estea ben defendida e teña máis investimentos e máis políticas sociais é confiar nunha forza propia como o BNG, que sempre fai aquilo co que se compromete, que non ten outra directriz que non sexa o pobo galego e que nunca vai facer aquilo que fan outras forzas habitualmente de prometer ou votar algo en Galicia e votar o contrario en Madrid. Creo que esa percepción é a que lle vai dar o grupo parlamentar. Todas as enquisas, que hai que coller con prudencia, danlle representación ao BNG por A Coruña e Pontevedra, pero hai dúas que lle dan posibilidades por Lugo e Ourense. Nos últimos anos temos o hábito de superar o que din as enquisas.

Defende que o BNG fixo valer o seu único escano. Que melloras para A Coruña levan o selo do BNG?

Conseguimos arrancar un acordo de investidura que foi bo, que desbloqueou a axenda galega, que en parte está cumpríndose e noutra foi incumprido polo PSOE. As bonificacións da AP9, hoxe as usuarias pagan a metade porque teñen gratuíta a viaxe de volta, a dragaxe da ría do Burgo, que está en execución e que levaba moito tempo sendo reclamada, a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña, que xa está licitada. Na Lei de Pesca conseguimos que se garanta por medios telemáticos o dereito a voto dos mariñeiros embarcados, que se elabore un catálogo de enfermidades profesionais do sector do mar e que se impulsen convenios colectivos para mellorar a vida do sector. Hai cuestións que non están cumpridas: a modernización da liña ferroviaria A Coruña-Lugo, ou A Coruña-Ferrol que ten parte en Betanzos, que non se avanzou, ou a creación dun novo xulgado de Violencia de Xénero no noso país.

A conexión a Langosteira é reivindicada por outros grupos como conquista propia tras unha negociación entre Xunta e Transportes. Cal foi o rol do BNG?

O acordo de investidura é público, e calquera pode comprobar o que figura. O PSOE asumiu o compromiso de facer a conexión ferroviaria co BNG. Evidentemente quen o executou foi o Ministerio de Transportes. Isto xa pasou tamén coa AP9, despois de anos sen baixar nin un céntimo, cando o BNG mete no acordo de investidura a rebaixa, todo o mundo a reclama.

A débeda de Langosteira segue pendente. O BNG, alén da fórmula da condonación, defende a da compensación. Cal é o matiz?

O Goberno di que non se pode condonar aquí e si en Valencia porque existía un consorcio no que o propio Estado facía parte. Son escusas de mal pagador. Hai un agravio comparativo con Galicia e coa Coruña. A Valencia condonáronse 400 millóns que respondían a un evento deportivo e na Coruña non se queren condonar 200 millóns de débeda que xerou o Estado nas obras. Propuxemos que se estableza unha partida nos Orzamentos para compensar a débeda, e que se establezan as fórmulas coa Administración galega e o Concello para executar esa compensación, que os coruñeses non teñan que pagar outra vez por uns terreos que son públicos. Lamento que cando o BNG propón isto, as forzas políticas do Goberno voten en contra, mesmo os deputados da Coruña. Ilustra ben que os deputados galegos das forzas estatais non fan o que beneficia o país, senón o que lles mandan as súas direccións en Madrid.

Nas friccións cos seus socios preferentes está a eólica mariña, que entra en conflito cos intereses da pesca en Galicia. Cal é a alternativa do BNG en materia enerxética?

Galiza produce máis enerxía que a que precisa. Xa producimos máis de renovables da que consumimos, xa cumprimos o estándares da Axenda 2030, e temos máis de 300 parques eólicos en tramitación. Galiza non pode ser zona de sacrificio para producir enerxía. Non ten sentido que se sacrifique o noso medio ambiente e pesca para que grandes empresas exporten enerxía eléctrica a Francia, porque aquí non queda nada, teñen a sede fiscal en Madrid e os lucros van para fóra. Cal é o modelo do BNG? Colocar a produción de enerxía baixo control público, que haxa unha empresa galega de enerxía, unha tarifa eléctrica galega, e ir cara un modelo de xeración distribuída a menor escala e máis cerca dos centros de consumo, para evitar o transporte a longa distancia, que é insustentábel porque se perde enerxía, e co custo ambiental que iso ten. Enerxía eólica si, pero non así, e no mar, de ningunha maneira, porque a plataforma continental galega é moi estreita, e os eólicos van estar a 20 kilómetros da costa, en caladoiros importantes da nosa frota. Están dispostos a sacrificar a capacidade pesqueira da frota galega e os ecosistemas mariños para que Iberdrola aumente os seus beneficios?

Son críticos cos vetos europeos ás artes de fondo para protexer ecosistemas vulnerables, tamén co impacto da eólica mariña nos ecosistemas. Onde está o equilibrio entre a salvagarda dun sector estratéxico como o pesqueiro e a protección do medio?

Pois evidentemente hai que buscar ese equilibrio, pero ese veto a 87 zonas de pesca fíxose sen todos os informes científicos e socioeconómicos sobre a mesa, e iso é inaceptable. A presión do sector, e tamén a do BNG no Congreso, fixo que o Goberno español recorrese ese veto, tamén a Xunta. Somos partidarios da protección dos ecosistemas, pero antes de tomar unha decisión así teñen que estar os informes sobre a situación deses ecosistemas e os efectos dese veto. O sector pesqueiro é o primeiro interesado en protexer os ecosistemas marítimos, porque viven do mar. Trátase de que os recursos sexan sustentables e iso permita a continuidade da actividade.