A viaxe de pedra que salvou a Castelao, exposta no Ágora

Unha mostra do centro explica o estudo que fixo o autor sobre os monumentos bretóns e que lle axudou a superar a morte do seu fillo

Castelao cun cruceiro bretón, unha das fotos da mostra.   | // LA OPINIÓN

Castelao cun cruceiro bretón, unha das fotos da mostra. | // LA OPINIÓN / Enrique Carballo

En 1929, Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira, percorreron a antiga Armórica nunha viaxe científica que lle serviu ao escritor rianxeiro para escribir As cruces de pedra na Bretaña, que publicou o ano seguinte o Seminario de Estudos Galegos. Para lembrar e explicar esta obra, o centro Ágora (Gramela, 17) acolle ata o 14 de novembro a exposición A Bretaña que hai en Nós, creada pola asociación Vagalumes. A mostra repasa os contidos do estudo e, segundo explica un dos responsables, o historiador e profesor de filosofía Xoán Carlos Garrido, tamén “o contexto da viaxe e da elaboración” da obra. Esta, sinala o investigador, naceu nun dos momentos máis negros do autor, e foi parte do proceso psicolóxico que conformou ao Castelao da Segunda República e o exilio.

En xaneiro de 1928 morreu aos catorce anos o único fillo de Castelao, Alfonso Xesús, e o autor, que sufrira pouco antes unha recaída dos seus problemas de vista, caeu nunha fonda depresión. “Estaba afundido”, explica Garrido, que fixo onte unha visita guiada á mostra, e “marcha de Pontevedra para Vigo, entre outras cousas, porque lle daba vergonza que a xente o vira como un inútil” pola súa cegueira. Pero a viaxe deulle unha ocasión de “recompoñerse” e xunto con Virxinia, afrontar a morte do seu fillo, explica Garrido, que non cre que a chegase a superar de todo pero indica que “entre os dous asumiron a finitude”.

A viaxe por Bretaña foi así tripla, pois, ademais da física e do recorrido temporal que fixo Castelao observando desde os monumentos máis antigos aos máis recentes, foi un traxecto de cambio psicolóxico que lle permitiu volver a Galiza e á vida pública “asumindo as súas limitacións”.

“Castelao tiña as cousas claras de xeito teórico”, explica Garrido, e no seu arte “visibilizou aos invisibles, os máis febles, os vulnerables, as mulleres... Pero ao tempo el ía de figura, e sobre el recaían expectativas de ser un artista individual”. A experiencia bretoa, considera o investigador, serviu para que Castelao valorase o papel da “relación de acompañamento e asistencia” de Virxinia. Así, esta evolución vital explica ao “deputado, ao escritor”, dos anos 30, e o “valor psicolóxico” que lle permitiu facer fronte ao reto de ver que o nacionalismo ía “a unha derrota terrible” co golpe militar de 1936 e o vivir no exilio sen quebrarse nin claudicar.

Aparte de conter fotos da viaxe do propio Castelao, a exposición, que organiza no Ágora a asociación veciñal Agra, repasa os capítulos do libro, ordenados de xeito cronolóxico. Neles atópanse dende as cruces primitivas da época romana tardía e os menhires cristianizados ata “os púlpitos e os calvarios” máis recentes, e, ademáis de descricións e valoracións escritas, Castelao incluíu máis de 150 debuxos. “Viu como o ser humano foi moldeando a pedra” ao longo da historia, sinala Garrido, aínda que puntualiza que Castelao non analizou este proceso sempre como unha evolución a mellor. “Non o ve como un progreso” e ás veces “pensa que é máis doado atopar o espírito humano” nas obras máis antigas e sinxelas.

A obra é tamén unha reflexión sobre os vencellos entre os pobos célticos, segundo escribiu poeticamente Castelao, “as cruces de Irlanda, os Calvarios de Bretaña e os cruceiros de Galiza, son árbores de pedra”. A raíz desta investigación escribiría As cruces de pedra na Galiza, que defendeu en 1934 no pazo de María Pita; segundo deixou escrito, “non se podería falar dos nosos cruceiros sen ter visitado primeiramente a Bretaña, e alá fun”. O 2 de novembro o museólogo e arqueólogo Felipe Senén impartirá no Ágora, ás 19.00 horas, a conferencia As cruces das nacións celtas.

Suscríbete para seguir leyendo