A disolución do Seminario de Estudos Galegos (1936-1940)

Arriba, Xesús Carro (‘Vida Gallega’, 1929).

Arriba, Xesús Carro (‘Vida Gallega’, 1929). / Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi fundado hai un século (1923) e durante os seus case trece anos de vida libre desenvolveu —con máis entusiasmo que recursos— un notable e novidoso labor a prol do estudo de Galicia.

Xullo de 1936, dunha intensa actividade á hibernación

Nas datas previas ao 18 de xullo de 1936 o Seminario despregaba unha ampla axenda, coas súas seccións ben activas, xeiras, ingresos de novos socios, reunións, preparación de publicacións, etc. No terreo científico os tres laboratorios (o asociado ao Consultorio de Pragas do Campo, dirixido por Luís Iglesias, o de Xeoquímica, con Parga como director, e o de Bromatoloxía, dirixido por Aniceto Charro) estaban en plena actividade. O 30 de maio houbera un cambio na Comisión Directiva, o anterior presidente, Luis Iglesias fora nomeado reitor da universidade compostelá e o substituíra Ramón Otero Pedrayo. En abril ocupara a secretaría xeral Xesús Carro.

A raíz da sublevación do 18 de xullo a represión afectou directamente ao Seminario, nos anos seguintes uns 78 socios resultarían asasinados, sufriron diversas represalias ou se exiliaron, entre eles Alexandre Bóveda, Isidro Parga e Daniel Castelao. Perseguidos por pensar diferente. Canto a Comisión directiva, Otero Pedrayo sería afastado da súa cátedra de Instituto en 1937.

Nese contexto, a axitada actividade do Seminario deu paso á parálise. Algúns membros —residentes en Santiago— que por diversas razóns (sobre todo pola súa ideoloxía e posición sobre a rebelión militar) non sufriran represalias encargáronse de manter a institución baixo mínimos. O Seminario, na práctica, estaba en situación terminal, mais seguía a ser unha sociedade legal. É verdade que carecía de local, algo común en moitas asociacións. A institución tiña a súa sede (con biblioteca, coleccións e fondos documentais) nun local cedido pola Universidade compostelá no Colexio de Fonseca.

A disolución do Seminario de Estudos Galegos (1936-1940)

Portada dos estatutos do Seminario. / Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

Unha liquidación con interrogantes

O martes 9 de abril de 1940 reitor da Universidade de Santiago de Compostela convocou a uns representantes do Seminario. Carlos Ruiz del Castillo, catedrático de Dereito Político, comunicou aos seus interlocutores o tema da reunión: “Arreglar la estabilidad del Seminario y salvar su labor y todos los materiales”. Porén o primeiro que trasladou aos asistentes a autoridade académica foi que o Seminario “estaba fuera de la ley”. A razón era, segundo el, “porque no se habían renovado los cargos de la Comisión Directiva, no se habían tampoco cumplido los demás requisitos señalados en el Reglamento”. Engadindo que sabía que o gobernador civil non pensaba aceptar a renovación.

Sorprende o contraditoria que resulta esa mensaxe. Que estabilidade pode acadar unha institución se está ilegalizada? Pero aínda nos causa máis intriga que os presentes no acto, polo que coñecemos, aceptaran o veredicto do reitor. Unha afirmación que chocaba co feito de que a institución gozaba de identidade administrativa propia, pois tiña vixentes os seus estatutos, o regulamento aprobado internamente en decembro de 1930 e polo Goberno civil —como correspondía— en xaneiro de 1931 e a lei non amparaba esa ilegalización. Outro elemento —ben curioso— a ter en conta é que entre os documentos preservados non se atopa ningunha comunicación escrita dirixida ao SEG polas autoridades aludindo á súa situación administrativa nese período.

A continuación —na conversa co reitor— entrou en escena un tema que sería recorrente nos anos seguintes, “salvar o que se poida do Seminario”. Nesa liña, segundo Carro, Ruíz del Castillo propuxo que os fondos do SEG se incorporaran, xuntos, á universidade compostelá. Os seminaristas aceptaron, “siempre que se salvase el Seminario”. Realmente, asumida a disolución, falarían de conservar a biblioteca, documentación e museo do SEG. Algo importante, sen dúbida, mais iso non era o Seminario. Porén, malia ese acordo inicial, unha orde de maio dese ano 1940 do Director General de Enseñanza Superior y Media, obrigou a representantes do Seminario a que o 1 de agosto entregaran as chaves da biblioteca e oficinas ao xefe da biblioteca universitaria. Á disolución de facto de abril sucedeu, pois, a perda dos fondos en agosto e, semella, a do museo en xuño de 1941.

Sinalemos que o artigo 27 do regulamento do Seminario indicaba que en caso de liquidación os seus fondos fosen parar á Universidade de Santiago, pero —obviamente— iso só acontecería se existía unha previa disolución legal. Ou en tempos excepcionais, unha orde executiva do poder político, da que non hai constancia. Polo tanto, sería ilegal esa entrega?

A disolución do Seminario de Estudos Galegos (1936-1940)

Escudo do Seminario de Estudos Galegos. / Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

Que política existía para Carro?

Xesús Carro foi unha figura clave no derradeiro período da vida do Seminario, nas xestións que realizou e na creación e uso da súa documentación. Após, cando se creou o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento seguiu tendo acceso aos documentos, nalgún momento levou algúns para a súa casa e hoxe están en paradoiro descoñecido. Os escritos que deixou sobre o proceso de disolución do SEG son a principal, case única, fonte utilizada en posteriores análises sobre o asunto. Neles salienta o feito de que política ten unha mínima relevancia.

Volvamos ao momento da disolución, o que nos retrotrae de novo á entrevista do día 9 de abril co reitor. Nela hai un personaxe clave que se move entre sombras, o gobernador civil. Carro sitúao ao principio do seu relato malia que despois desaparece como por arte de maxia e nunca explica quen é e o seu papel e posición. O militar coruñés Emilio Aspe Vaamonde ocupaba o cargo desde novembro de 1939. A súa determinación no caso do Seminario foi a de non permitir a renovación. Obviamente estamos fronte unha decisión totalmente discrecional por parte do máximo representante do poder político na provincia, xefe provincial do partido único franquista. Na práctica sería nin máis nin menos que a persoa que eliminou —en representación— ao SEG.

A case desaparición do gobernador no relato de Carro encaixa moi ben na versión que este ofrece sobre a fin do Seminario. En diferentes momentos culpou a “elementos emboscados” na universidade compostelá como os responsables da súa morte. Seguro que a institución tiña inimigos entre a comunidade universitaria, porén, nin eles nin o reitor gozaban da competencia legal para decidir a disolución do SEG. Carro evitou un factor fundamental no tema, o político, e centrou a súa crítica nunha cuestión corporativa e persoal.

O Instituto Padre Sarmiento

Como vimos, desde 1940 non existía o SEG, polo que desde esa data calquera acción emprendida por exseminaristas era unha iniciativa persoal. Nese camiño, a fins de 1943 algúns socios do antigo SEG non depurados e de perfil conservador ou mesmo filofranquista fixeron diversas xestións que rematarían na creación do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS). Da parte patrimonial do Seminario (museo, biblioteca, e documentos) que —lembremos— estaba custodiada pola universidade (non perdida), foi parar ao IEGPS a biblioteca e a documentación.

Canto a iniciativas, actividades ou proxectos do SEG, cales tiveron continuidade no IEGPS? Obviamente —por razóns políticas— desapareceu o que tiña relación coa actualidade. Do mesmo xeito, deixou de utilizarse durante moitos anos nin máis nin menos que o principal elemento identitario e cultural do país: o idioma. Cesou o funcionamento de varias seccións. Entre elas as científicas, os laboratorios e numerosas actividades, incluídas as importantes xeiras. Abandonouse o obxectivo de divulgar, que figuraba como complementario ao de investigar nos propios estatutos; así, entre outras iniciativas paralizadas (cursos de extensión, programas de radio, etc.), non se publicaron os manuais (monografías elaboradas cara o ensino elemental e á divulgación da cultura galega) previstos; entre eles había dous dedicados a disciplinas científicas, un á Flora e á Fauna e outro á Xeoloxía galegas. Ademais, non viron a luz diversas publicacións que xa estaban preparadas para a súa inmediata edición, como o libro de Ramón María Aller, Astronomía a ollo ceibe, e o de Castelao As cruces de pedra da Galiza. O mesmo pasou coa revista do SEG, Arquivos; o número 7 estaba rematado, disposto para entrar en imprenta.

Publicouse iso si, o Codex Calistinus (pero non a versión galega). Realmente, o que salvou, o que tivo continuidade, na etapa inicial do IEGPS, foi a posibilidade de que algúns puideran seguir a realizar os seus traballos intelectuais, que incluíron, sen dúbida, contribucións de interese. Loxicamente, diversos exseminaristas recoñeceron que o espírito do Seminario deixara de existir, falaban do compromiso cívico co país, pois o SEG na súa andaina demostrara que non quería ser só un centro de erudición desconectado da sociedade.

Cómpre investigar

Como vemos, a liquidación do Seminario de Estudos Galegos situase nun escenario onde abondan as sombras. Falta un estudo rigoroso sobre a eliminación da institución, e mesmo sobre o seu labor. Esa ausencia e a persistencia dun relato confuso trasladan á sociedade galega un retrato do mundo académico e cultural ben pouco favorecedor.

Xunto unha investigación completa sobre o Seminario precisamos que a Administración pública galega sexa a única titular dos seus fondos (hoxe en mans do IEGPS), reparando a subtracción realizada en 1940. Este ano, no que conmemoramos o centenario do SEG, semella un momento idóneo para afrontar en serio eses asuntos pendentes. Porque temos dereito a coñecer a nosa historia e, sobre todo, por respecto á memoria das persoas que entregaron o mellor deles no vello Seminario.