O poeta anfibio que pinta o mar con palabras

Xosé Iglesias, o poeta mariñeiro, recitará hoxe canda o actor Viggo Mortensen, no ciclo ‘Poetas Di(n)versos’, con entradas esgotadas

Xosé Iglesias facendo labores de pesca.   | // XOSÉ IGLESIAS

Xosé Iglesias facendo labores de pesca. | // XOSÉ IGLESIAS / Marta Otero Mayán

“Poetas de terra hai moitos, poetas do mar, non tantos”. É a única concesión que fai Xosé Iglesias de si mesmo cando se lle pregunta pola súa singularidade. O poeta mariñeiro de cualidades excepcionais, que se sitúa como “aprendiz de todo” e que polo momento xa conseguiu ser patrón de pesca, escritor, pintor e navegante, fala da súa obra coa humildade de quen se naturalizou parte do elemento ao que adica a práctica totalidade das súas composicións. “Non sei como non hai máis mariñeiros que se decidan a escribir, con tanta beleza como temos diante todos os días”, resume.

Carta da memoria mariñeira, elaborada por Iglesias.   | / A CORUÑA NO TEMPO

Carta da memoria mariñeira, elaborada por Iglesias. | / A CORUÑA NO TEMPO / Marta Otero Mayán

Iglesias participa hoxe nunha nova edición do ciclo Poetas Di(n)versos (20.00 horas, centro Ágora) para o que xa non quedan entradas. Aínda que o poeta, curtido sobre as táboas en centos de recitais, conta cunha comunidade consolidada de admiradores dos seus versos salgados, sabe ben que desta vez a culpa, principalmente, tena o seu compañeiro de cartel, o multifacético actor Viggo Mortensen, cuxa insólita participación no ciclo fixo que as entradas voasen en minutos. “Cando me dixeron que recitaba con el, alucinei. Son moi fan del, e non só pola triloxía do Señor de los Anillos; ese home é un ser especial. Actúa, compón, recita... Un home do renacemento”, conclúe.

Os iniciados do xénero xa saben que no cartel, hoxe, hai dúas estrelas. O resto, terá este serán a oportunidade de descubrilo. E o que atopará será unha escolma de poemas con sabor a mar, un relato en primeira persoa inspirado no zoar do vento sobre as ondas, o rebulir dun polbo nas mans ou na “danza hipnótica” da proa contra o horizonte. Porque o mar é o referente de moitos poetas, mais só Xosé Iglesias escribe dende dentro. “A min me sacas do mar e ata me perdo. Cando estou no Courel, ata penso que me falta o aire”, confesa con sorna.

Un intelectual atípico e cunha sensibilidade única brindada pola capacidade de observación que xa lle brindou cinco libros publicados, a razón de catro poemarios e un álbum ilustrado, Nación Mar, no que dá conta doutro dos seus talentos, a pintura, cun delicado tratamento gráfico polo que desfilan baleas, barcos e outros segredos das profundidades oceánicas. Esas que Xosé Iglesias coñece tan ben.

Memoria da Coruña somerxida

Xosé Iglesias pinta con palabras, pero tamén é quen de debuxar poesía. Unha das súas máis singulares manifestacións artísticas atopámola na Carta da memoria mariñeira da Coruña, unha acuarela que elaborou por encargo para a exposición A Coruña no tempo e que recolle a toponimia somerxida da cidade, cos nomes que os mariñeiros lle dan aos caladoiros, e que lle puxo no camiño ao seu autor un novo horizonte artístico. “Foi un reto, porque son moitas horas, hai que buscar os nomes dos peixiños, poñer a lonxa, os barcos que se construíron en Oza... pero tanto me gustou, que a miña intención é seguir facendo cartas mariñas de todas as rías de Galicia, metendo toponimia mesturando con fantasía. Polo momento, xa fixen tamén a de Fisterra”, adianta.