Cultura libre e diversa para “potenciar” a Agra do Orzán

O promotor cultural Juan Rodríguez pon en marcha Galgo Azul, un novo espazo que mestura unha libraría cunha sala de espectáculos

Juan Rodríguez no vagón da obra teatral ‘Despois das ondas’, recuperado para Galgo Azul   | // CARLOS PARDELLAS

Juan Rodríguez no vagón da obra teatral ‘Despois das ondas’, recuperado para Galgo Azul | // CARLOS PARDELLAS / Jacobo Caruncho

Unha das maiores riquezas dos barrios reside na súa xente. No caso da Agra do Orzán, a diversidade cultural está ben servida. Colombia, Venezuela, Arxentina, Perú, Senegal, China, Romanía... persoas procedentes de todas partes do globo terráqueo crúzanse a diario polas rúas deste barrio coruñés, que acumula a maior densidade de poboación da cidade e de Europa. A partir deste luns, os veciños e veciñas que saian pasear pola zona atoparanse cun novo escaparate repleto de cultura. Trátase de Galgo Azul, un novo espazo a cabalo entre unha libraría e un centro cultural, onde se mesturan a literatura, o cinema e o teatro e no que a veciñanza xogará un papel importante no seu desenvolvemento. O artífice deste novo local, Juan Rodríguez, teno claro: “Unha das cousas que imos potenciar é a imaxe de Agra do Orzán como un barrio para abrir, coñecer e descubrir. Queremos deixar pegada no barrio”.

Traspasar as portas de Galgo Azul é abrise de cheo á cultura, coa mente aberta, a través dunha selección de títulos feita por profesionais procedentes do mundo da cultura. Hai algunhas novidades literarias, pero o seu punto forte reside nas xoias, algunhas máis descoñecidas, que acumulan os seus estantes, que invitan a descubrir historias e realidades que poñen en valor a liberdade e a diversidade da nosa sociedade. LGTB, feminismo, política... a libraría organízase en pequenas seccións para adultos e nenos. “Os libros van en consonancia co que queremos crear como espazo. É a nosa aposta, cremos que necesaria. Quen entre aquí pode pensar como queira e o respectaremos, pero queremos que ese respecto sexa mutuo e este sexa un espazo seguro, libre e diverso”, resalta Rodríguez.

Quen pasee polo local, situado na avenida da Gramela, poderá descubrir pequenos tesouros culturais. O espazo conta cun recuncho adicado ao cinema no que salientan as butacas recuperadas dos antigos cines Chaplin da ronda de Outeiro ou carteis doutros extintos cinemas da cidade como o Finisterre ou o Rex. En Galgo Azul os clientes tamén poderán tomar un café mentres botan unha ollada a un libro sentados no vagón da obra teatral Despois das ondas, peza de ButacaZero que reconstrúe a vida e o exilio de María Casares. O espazo infantil conta tamén con carteis de obras nadas na Coruña, como Crisálida —obra dirixida polo propio Rodríguez sobre a mercería de San Andrés— ou Hugo, dirixida polo coruñés Gustavo del Río.

E é que Galgo Azul bebe moito do cine e do teatro, coma o seu propietario. Juan Rodríguez leva vinte anos ao fronte de Caramuxo Teatro, unha compañía especializada no público infantil, xuvenil e familiar. “Este proxecto era algo que levaba xa tempo na cabeza. Con Caramuxo tiñamos a idea de montar unha sala, pero todo foi evolucionando nun proxecto máis persoal”, relata o tamén xestor cultural. E esa idea de facer unha sala mantense neste novo espazo da Agra, que conta cunha ampla zona anexa cunha pequena grada onde haberá diversas actividades para tódolos públicos que arrincarán este mesmo mes. Do 20 de decembro ao 5 de xaneiro haberá una programación de espectáculos diarios onde se celebrarán contacontos, obradoiros e presentacións. “Será como un salón do libro de Nadal”, resume o dono da sala, que avanza que haberá actividades ao longo de todo o ano. “Estamos abertos a propostas, queremos que sexa un proxecto participativo”, engade.

Nas actividades previstas para este Nadal os veciños e veciñas do barrio xogarán un papel fundamental. “Teremos unha actividade na que os veciños, procedentes de distintos países, nos van a ensinar como se viven estas festas no seu país” explica. Ademais, en Galgo Azul teñen previsto un obradoiro de contadores sénior. “A xente maior poderá vir a aprender un conto e despois facer unha contada para rapaces”, adianta.

Con todo, este novo espazo busca implicar á veciñanza nunha proposta cultural que “dignifique” a zona. “O Concello debería apostar máis por este barrio, que moitas veces queda relegado das actividade culturais”, denuncia Rodríguez. A falta desa implicación institucional, a cultura xa está chamando á porta da veciñanza da Agra gracias a este novo local. “Queremos ter unha pegada no barrio como centro social”, conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo