“Co idioma aprendes cultura e unha visión aberta do mundo”

“A riqueza da escola é ensinar linguas con calidade e cunha matrícula anual que vale a que se gasta nun mes nunha academia”

Susana Aldao, diante dun panel que conmemora os 50 anos da Escola Oficial de Idiomas.   | // ARCAY/ROLLER AGENCIA

Susana Aldao, diante dun panel que conmemora os 50 anos da Escola Oficial de Idiomas. | // ARCAY/ROLLER AGENCIA / Enrique Carballo

Susana Aldao dirixe a Escola Oficial de Idiomas da Coruña, que este venres fixo o seu 50 aniversario e do que foi alumna nos seus inicios. Reivindica o papel público do centro, que atende a preto de 6.000 alumnos con matrículas reducidas.

Como foron os primeiros anos?

Empezou o 19 de xaneiro de 1974 e estivo en Zalaeta [no Instituto Ramón Menéndez Pidal] ata o curso 85/86, cando se trasladou a onde está agora. O primeiro curso había 21 profesores. Eu, e outros profesores actuais, fomos alumnos alí.

Como chegou á escola?

Estaba estudando primeiro de BUP, a inicios dos oitenta, e alí tiña a posibilidade de aprender inglés aparte do instituto. Daquela non tiñamos internet nin as posibilidades que temos agora.Vivindo na Coruña era un luxo. Hai moitísimos casos de profesores que foron alumnos.

Agora teñen máis idiomas ademais dos clásicos.

Si: inglés, francés, alemán, italiano, ruso, xaponés, chinés, árabe, español para estranxeiros, galego e portugués. O alumno paga unha matrícula pero é mínima: o que pagan un mes nunha academia privada aquí poden facer todo o curso escolar. E certificas o idioma, tes unha titulación para a universidade, Erasmus, oposicións, concursos de traslados...

Como é o perfil dos alumnos?

Hai que ter como mínimo 14 anos, e nunha aula podemos ter desde aí ata que eles queiran vir. Eu tiña en clase unha alumna de 70 anos e outra de 22. Isto é marabilloso, entre eles axúdanse, comunícanse... Crean un ambiente estupendo.

Que buscan os estudantes?

Hai quen necesitan a titulación, aos que simplemente lles apetece aprender un idioma... Hai uns anos fixemos uns vídeos con alumnado, e lémbrome dun estudante que dicía: “Empecei a estudar xaponés porque o meu fillo ten unha parella xaponesa e as miñas netas son xaponesas, e eu quero poder comunicarme coas miñas netas na súa lingua”. E como ese caso hai varios. Esa xente ten na aula alumnado da idade dos seus netos. É súper tenro.

Que ensinan aparte do idioma?

Ao aprender o idioma tamén aprendes a súa cultura, e non é só a dun país, son varios. Cada departamento ofrece tamén actividades culturais, dende cousas de cociña a bailes ou exposicións... Que se nos ocorren a alumnos e profesores. Iso crea tamén moitos vencellos. E temos auxiliares de conversa. Neste curso temos un de lingua inglesa que ven da India, o primeiro que temos desta cultura, e iso é super enriquecedor. Tivemos xente de Inglaterra, Irlanda, Gales, Estados Unidos, Canadá, unha neozelandesa, no alemán temos auxiliares de Austria, de Alemaña...

Que aporta todo isto?

Cando se aprende cultura se aprende unha visión máis aberta do mundo, e a respectar. Ofrecemos español para estranxeiros, e aí temos moitísimo alumnado de moitos países. Non só os ucraínos, que hai moitos. Traen a súa propia cultura e forma de ser, e o intercambio é moi enriquecedor para todos.

Como variou o ensino?

O ensino en xeral foi evolucionando para facerse máis práctico A nosa metodoloxía é fundamentalmente comunicativa. Iso non quere dicir que non practiquemos todas as destrezas, gramática... Pero o obxectivo é comunicarse.

Cal é o maior valor da escola?

A posibilidade de estudar linguas dun xeito bastante barato e de calidade. Temos un montón de actividades, proxectos, a biblioteca, a radio, temos premios, pero a esencia e a riqueza que temos é esa.

En cantos alumnos están?

A pandemia fixo moito dano. Chegamos a ter 7.000, e este ano temos 5.800 e pico. Estamos empezando a recuperar alumnado despois da pandemia. Pero hai máis alumnado con interese por outros idiomas: xaponés, árabe, non está focalizado só en inglés, francés ou alemán. Tamén ofrecemos cursos de conversa, preparación de exames, e iso fai que vaiamos aumentando alumnado.

Que actividades realizarán para celebrar o medio século?

A finais de febreiro faremos un concerto organizado polo departamento de xaponés e a embaixada de Xapón. Instalaremos paneis cos idiomas que se dan na escola, e un mural. Estamos recopilando fotos e documentos para expoñer, e imos facer tamén unha exposición de maquinaria que xa non se utiliza. En abril teremos un acto institucional. Haberá entrevistas con alumnos que fixeron moitos idiomas, profesores de Zalaeta, alumnos de Zalaeta que somos docentes... A pesar de que hai moita intelixencia artificial os profesores temos moito que aportar.

Suscríbete para seguir leyendo