ECODICCIONARIO GALEGO

88. Invasora

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. e adx. f. Especie que se estende en gran cantidade nun lugar afastado da súa orixe, causando prexuízos a nivel ambiental, social e/ou económico. Esta definición aparece (parcialmente) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Autóctono/a: que ten a súa orixe no lugar onde vive. Alóctono/a: que non é orixinario do lugar onde está. Exótico/a: que é propio de culturas ou países diferentes e afastados (sinónimo de alóctono/a). Todas estas definicións figuran no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: a palabra invasora foi tradicionalmente circunscrita a especies prexudiciais para a saúde ou seguridade das persoas, ou que repercuten en recursos económicos (agricultura, gandería, pesca). Tan só no último medio século as especies invasoras son presentadas á sociedade tamén como causantes de impactos biolóxicos, como son a perda de especies nativas, propagación de novas doenzas e desequilibrios nos ecosistemas. Todas as especies invasoras nun lugar son, por definición, alóctonas ou exóticas nese espazo. Porén, non todas as especies alóctonas nun territorio se comportan como invasoras: de todas as especies alóctonas que se liberan a novos ecosistemas, preto do 10% sobrevive, e destes superviventes, arredor do 10% volveríanse invasoras (“regra do 10%”). Temos moitas especies invasoras problemáticas moi preto de nós: a ecóloga catalá Montserrat Vilà i Planella (n. 1964) participou nun estudo en 2018 que definiu as 149 peores especies invasoras en Europa. Entre as 50 primeiras especies da lista estarían a herba da Pampa (Cortaderia selloana), a varroa das colmeas (Varroa destructor), o visón americano (Neovison vison) e o eucalipto (Eucalyptus globulus), todas elas invasoras moi estendidas en Galicia.

Por que está en voga esta palabra?: a situación a nivel global en relación ás invasoras é moi preocupante: existirían actualmente unhas 3.500 especies exóticas con comportamento invasor en distintas partes do planeta, correspondendo o 83% destas a invertebrados e plantas. Este número aumenta cada ano polo comercio global, e as novas “pestes” causan grandes prexuízos económicos, afeccións á saúde e benestar humano e impactos na biodiversidade, moitos irreversibles. Deste xeito, avaliouse que 218 destas especies exóticas invasoras serían responsables directas da extinción dun mínimo de 1.215 especies autóctonas. O organismo intergubernamental Ipbes estableceu recentemente que as especies exóticas invasoras son unha das cinco principais causas da perda de biodiversidade, xunto aos cambios no uso da terra e do mar, a explotación directa de especies, o cambio climático e a contaminación. O Ipbes calculou que o custo económico global das invasoras supera os 423.000 millóns de dólares anuais, cuadruplicándose esta factura desde 1970.

Á memoria de Miguel Varela-Portas Castro (1971-2024), loitador contra as especies exóticas invasoras e aliado dos nosos bosques autóctonos. Que a terra che sexa leve, amigo.