“É bonito recuperar esa etapa da infancia na que todo era posible”

“Os peidos de Sultán solucionarían moitísimos problemas”

“Dame máis respecto escribir este libro que a novela de adultos”

Marta Villar amosa o seu novo libro na praza de Lugo, coa estatua do can Ney.   | // IAGO LÓPEZ

Marta Villar amosa o seu novo libro na praza de Lugo, coa estatua do can Ney. | // IAGO LÓPEZ / Ana Carro

Non temerás os coches amarelos foi a primeira novela de Marta Villar, xornalista de LA OPINIÓN, que este xoves, 9 de maio, publica Os peidos máxicos de Sultán, tamén de Xerais. Entra nun universo infantil para falar de amizade, de apoio, de animais e de cousas escatolóxicas porque, ante todo, di, hai que rir.

Como pasa de escribir unha novela de adultos a unha infantil?

Os códigos son totalmente distintos, a linguaxe é totalmente diferente, pero é algo que sempre quixen facer. Son moi consciente do momento no que deixas de ser neno e pasas a ser adulto. Os expertos din que cando es nena ou neno tes moitísimas máis conexións temporais. O dobre que cando es adulto. Por iso os nenos teñen esa imaxinación tan desbordante e relacionan cousas que parece imposible relacionar. Cando van medrando, perden esas conexións. Chámase poda neuronal. Cando era nena, tiña moita imaxinación e gañaba premios de literatura. Fun perfectamente consciente do momento en que a perdín. Tes que estudar, esforzarte, ver que vas facer no futuro, gañar cartos, sobrevivir…

E a creatividade queda xa lonxe de todo iso.

Si, tes que apartala, como a fantasía, a non ser que che dediques a iso, que non é fácil. Foi aos trece anos cando me din conta diso. Deume moitísima pena. Encantábame esa parte infantil que non deberíamos perder. Recordar a infancia sempre da moita satisfacción. Escribir historias de adultos tamén me gusta, pero é bonito recuperar esa etapa da infancia na que todo era posible.

Como xurdiu a idea do libro?

Escribina a principio do ano pasado. É unha historia baseada en feitos reais, os paseos que fago co can da miña familia. Sultán, un mastín leonés, é o can que garda a casa alá en Malpica. Un animal enorme, coa cabeza xigantesca, que da medo, pero para a familia é un osiño de peluche. Ten unha obsesión cos ciclistas. Parecíame moi bonito darlle unha volta. En todo iso que é dramático para un adulto, eu vin unha versión cómica. Aí xurdiu a idea.

Sil ten algo de vostede?

Sil é unha persoa que non ten xénero definido. É complicado escribir así, pero non quería que tivera xénero. Tanto da. Cando es neno ou nena, non importa iso para desfrutar, para vivir ou saír adiante na vida. É unha persoa que se chama Sil, que pode ter uns 8 anos, e que ten un problema e o seu can, Sultán, tamén. A historia ten unha parte didáctica, que se usa moito na literatura infantil, que é que os protagonistas se axudan mutuamente para resolver os seus problemas. Quería que esa fose a mensaxe, que os animais poden axudar ás persoas e que as persoas poden axudar aos animais. Non distingo entre uns e outros. É unha mensaxe de amizade. Ademais, Sil busca axuda. Iso é importante porque cando es pequeno, se tes un problema, calas. Hai que buscar a alguén de confianza para contarlle os problemas e non interiorizalos.

Tamén hai unha parte divertida.

Si, porque iso é o que ten que ser a infancia. Caca, cu, peido, pis. O libro ten unha parte moi escatolóxica, que é o que lle fai gracia aos nenos. Pero está baseado en feitos reais porque o meu can tira moitos peidos. Hai que rir.

Uns peidos máxicos que, di no libro, sería bo que chegasen a algúns políticos de hoxe en día?

Si, eses peidos de Sultán solucionarían moitísimos problemas. Hai que sufrir, porque teñen un olor moi potente, pero teñen poderes.

Agora que vemos tantos cans na cidade, hai unha mensaxe de defender a estes animais tal cal son?

Fago moito contraste entre os animais de cidade e da aldea. Eu vexo que os cans da cidade se humanizan. Non se pode criticar, mellor darlles cariño, pero ves a cans en carritos ou con roupa. Aos animais hai que aceptalos como son. Se botan uns peidos enormes, aguantas. Non hai que manipulalos. Queremos que sexan como mini persoas e non.

As ilustracións do libro, obra de Lucía Barrios, xogan un papel importante para chamar a atención do lector?

Si, Lucía Barrios fixo un traballo marabilloso. Pillou moi ben como quería a Sil. Encantoume como dibuxou a Sultán, tan real. As ilustracións son moi coloridas e moi divertidas. Captou moi ben ese amor entre estes dous seres. Expresa felicidade. Nun libro de literatura infantil é moi importante a parte da imaxe.

Todas recordamos eses libros que lemos de pequenas que quedan para sempre na memoria. Pensa nalgún momento en que iso pode pasarlle a alguén con 'Os peidos máxicos de Sultán'?

A verdade é que me da máis respecto este libro que a novela de adultos anterior. Precisamente por iso, porque cando es pequena e les libros, estes poden ser fundamentais e quedan aí na memoria cando es adulta. Pode despertar a paixón pola literatura. É unha responsabilidade moi grande. Espero que a quen o lea lle quede unha lembranza divertida.

Que libros recorda vostede da súa infancia?

Cando era pequena, lía 'La cabaña del tío Tom'. Era marabilloso. E tamén moito cómic: 'Mortadelo y Filemón', 'Rompetechos' ou 'Astérix y Obélix'. Encantábanme 'Lucky Luke', que tamén ten animais, e 'Guillermo el travieso'. Agora hai unha oferta brutal e hai cousas fabulosas na ilustración.

Haberá máis historias de Sil e Sultán?

O libro remata e deixa aberto que haxa máis aventuras porque acaba cunha investigación. A idea na cabeza a teño, pero non teño moito tempo para escribir.

Suscríbete para seguir leyendo