EPISODIOS DA CULTURA CIENTÍFICA

Humboldt á ‘caza’ dunha tormenta na Coruña (1799)

Detalle de la obra ‘Humboldt traballando en botánica’, de Friedrich Georg Weitsch.

Detalle de la obra ‘Humboldt traballando en botánica’, de Friedrich Georg Weitsch. / LOC

Xosé A. Fraga, historiador e divulgador da ciencia

Era imposible que Alexander von Humboldt contemplara como un simple espectador a tormenta que se desencadeou na Coruña o 28 de maio de 1799. Sempre activo, acompañado de múltiples instrumentos de medición, obsesionado por cuantificar todo, colleu o electrómetro e rexistrou nel a electricidade da atmosfera, probablemente a primeira vez que iso se facía na cidade herculina.

O 28 de maio deste ano cumpriranse dous centos vinte cinco anos desa observación. Celebraremos o aniversario ese mesmo día cunha nova edición dos Diálogos internacionais Humboldt, organizados polo Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) e a Autoridade Portuaria da Coruña no castelo de Santa Cruz (Oleiros), unha actividade aberta ao público interesado.

A nota manuscrita

Humboldt chegara á cidade herculina o 25 de maio de 1799 e partiría o 5 de xuño do porto cara América. Para coñecer o que fixo neses días de estadía coruñesa contamos, basicamente, con dúas fontes: as súas publicacións e varios manuscritos. Á volta da viaxe de cinco anos o prusiano prepararía en París a edición da narración da mesma Voyage de Humboldt et Bonpland (1814-1825). No seu primeiro tomo (páxinas 51-61), describiu o seu paso por A Coruña e Ferrol, actividades e preparativos da viaxe. Canto os diarios manuscritos que redactou, a urbe herculina só aparece no momento da partida, na instalación dos instrumentos no buque e nalgunhas incidencias. Máis no legado do prusiano, no material da herdanza, a investigadora Ulrike Leitner localizou hai poucos anos outro manuscrito que denominou El diario de Alexander von Humboldt en España, no que o científico fai unha moi breve referencia a Coruña, concretamente ao tema ao que imos dedicar este episodio.

Humboldt á ‘caza’ dunha tormenta na Coruña (1799)

Alexander von Humboldt / LOC

Agardando para o embarque

O prusiano chegou a Coruña coa intención de embarcar o antes posible, consciente de que os apoios políticos que tivera en Madrid —que lle permitiran obter un permiso excepcional— poderían mudar. De feito, o seu valedor, Mariano de Urquijo, secretario de Estado (equivalente a primeiro ministro) só gobernou ata decembro de 1800.

O luns 27 obtivo no Xulgado de Arribadas permiso para embarcar e o responsable dos Correos Marítimos, Rafael Clavijo, asignoulle camarote na fragata El Pizarro. Porén, resolto o tema administrativo, a saída do buque non era posible, o porto estaba bloqueado por tres navíos ingleses. Esa desagradable circunstancia obrigou ao científico a permanecer uns días na cidade. Obviamente, Humboldt non se sentou a agardar a marcha. Entre outras actividades continuou coas medicións, coma xa fixera ao longo da viaxe desde Madrid e mesmo na propia Torre de Hércules.

A electricidade da atmosfera

Como adiantamos, o martes 28 de maio contemplou unha tormenta na cidade. Un fenómeno meteorolóxico que se produce por cambios bruscos de temperaturas das nubes que provocan unha rápida modificación de presión e xera lóstregos acompañados de tronos. Xa Benjamin Franklin, nos anos 50 do século XVIII, defendera que as tormentas eran uns fenómenos eléctricos.

En tempos de Humboldt a electricidade, xunto coas propiedades dos gases, era o tema máis atractivo da física, un fenómeno complexo que carecía de aplicación e sobre o que existían moitas incógnitas, de feito entre 1770 e 1815 foi considerada un elemento químico.

Luigi Galvani descubrira en 1791 que conectando dous metais ao corpo dunha ra morta as patas se sacudían como se animal estivera vivo. Xerábase unha forza electromotriz que para Galvani era producida dentro do ser vivo, de aí o nome de “electricidade animal”. Interesado polo tema, un Humboldt ben novo desenvolveu entre 1792 y 1796 numerosas investigacións sobre o galvanismo, que deron lugar a un extenso libro que publicou, en alemán, en 1797. Dous anos despois, en 1799, aparecería a tradución ao francés e ese texto era a principal referencia que terían os científicos en España de Humboldt nese tempo.

Os electrómetros que levaba

Na caza da tormenta coruñesa Humboldt botou man dun electrómetro, instrumento utilizado para medir o potencial eléctrico da atmosfera. Entre os instrumentos de medición que o acompañaron na viaxe americana deixou escrito que levaba dous modelos: “Os electrómetros de Bennet e de Saussure, de follas de ouro batido e de medula de sabugueiro [saúco en castelán, o Sambucus nigra]”. O primeiro fora creado polo crego e experimentador eléctrico inglés Abraham Bennet e estaba formado por unha campá de cristal terminada no extremo nunha punta redondeada de metal conectada a un condutor que continuaba no interior do frasco con dúas láminas moi delgadas de ouro, que, ao recibir unha descarga eléctrica, se repelían por ser cargas do mesmo signo.

O outro modelo de electrómetro fora creado por Horace-Bénédict de Saussure e tiña unha vara metálica vertical (polo que era electricamente condutora) que continuaba no interior dun frasco de vidro con outra moito máis delgada e dividida en dúas no seu extremo, rematadas en medula de sabugueiro, aínda que tamén podía facelo en láminas de ouro. Levaba unha escala graduada de 5 cm de lado na base do aparato. Tamén dispuña dun sombreiro de 10 cm de diámetro sobre o frasco para preservalo da chuvia. O seu funcionamento era similar ao de Bennet.

A medición da electricidade por Humboldt

O científico prusiano, despois de anotar que tiña os electrómetros, engadía na publicación: “provistos de condutores de 4 pés de alto [uns 120 cm], para reunir, segundo o método descrito polo Sr. Volta, a electricidade da atmosfera por medio dunha substancia inflamada que despide fume”.

Non sabemos cal modelo utilizou Humboldt na Coruña. No manuscrito apuntou: “Electr. ohne Schwamm 2 Zoll negativ” (“Electr. sen esca 2 polgadas negativo”). Como non publicou esa parte, carecemos de explicación e temos que interpretar o telegráfico texto. O de “ohne Schwamm” indica que non utilizou a esca, materia vexetal enxoita usada para prender lume na zona onde se pretendía captar a carga eléctrica. Algúns experimentadores utilizaban unha vela acendida ou calquera materia vexetal que cando estaba enxoita ardía con gran facilidade. O obxectivo era facilitar a atracción da electricidade atmosférica, que Volta atribuía ao fume da esca ou da vela. Por iso Humboldt anotaba nas súas medicións sobre este tema, “con” ou “sen” fume; no caso coruñés, sen esca non podía haber fume. En realidade o que que melloraba a condutividade, a posibilidade de “pillar” a electricidade atmosférica, non era o fume senón a calor do lume que reducía a humidade, favorecendo a condutividade.

O resto da nota di “2 Zoll negativ” (dúas polgadas negativo/a). O das polgadas —dúas serían uns cinco cm— interpretámolo como un indicio de que as láminas do electrómetro, ao cargarse con electricidade do mesmo signo, se afastaron esas polgadas, esa foi a máxima distancia. Canto a “negativ”, podería indicar que a medición non tivo lugar, non se rexistrou a electricidade do aire, pero —se así fose— nos sorprende a anotación de “dúas polgadas”.

Canto osíxeno hai no aire?

No manuscrito a referencia ao uso do electrómetro vai seguida deste, tamén telegráfico, texto: “Luft aus Fucus serratus [vericans tachado], geprüft. hielt 0,32 Oxygen”, ou sexa: “Aire no Fucus serratus, comprobado mantivo 0,32 de osíxeno”. Para medir ese gas contaba Humboldt con eudiómetros. Falamos do primeiro instrumento deseñado e utilizado para determinar cuantitativamente un gas nunha mestura, despois dunha reacción física, electricidade, ou química, con gas nitroso (óxido de nitróxeno (I) N2O), sulfuros ou fósforo. Levaba un tubo de vidro graduado que medía o cambio de volume.

O científico dispuña de dous modelos, un deles: “de Fontana, de gas nitroso” e outro o “de fósforo de Reboul”. Comentou que o eudiómetro de Gay-Lussac era o máis axeitado para usalo de xeito portátil e sinxelo. Porén ese modelo non o levou Humboldt á viaxe porque o aparato era de 1809. Con ese destacado científico, Louis Joseph Gay Lussac, amigo íntimo do prusiano, realizaría un traballo sobre a composición do aire á volta da expedición americana, en 1805.

Supoñemos que Humboldt anotou na súa observación coruñesa o de Fucus serratus porque quería situar o lugar da medición. Sinalando esa alga entendemos que se refería a que a realizou na costa. Iso sería así porque naqueles tempos non existía unha opinión unánime sobre a constancia da composición do aire. Os propios Fontana, Saussure e outros científicos induciran ao erro de considerar variable a concentración de osíxeno no aire ao realizar medicións imprecisas. Malia a que xa en 1795 o catalán Antoni Martí Franqués publicara os seus experimentos (presentados en 1790 na Academia de Ciencias de Barcelona) probando o valor constante da proporción do osíxeno no aire, o 21%. O que rexistrou o prusiano na Coruña, 32%, era especialmente elevado.

A medir un continente

Humboldt seguiría realizando medicións no resto da súa estadía galega. Así, o día seguinte, 29 de maio, na viaxe en barco desde A Coruña a Ferrol realizou algunhas experiencias sobre a temperatura da auga do mar, “por medio dunha sonda termométrica de válvulas”.

O científico prusiano levaba na viaxe americana uns trinta instrumentos, aos que fixo referencia no texto que publicou (Liste des instruments de physique et d´astronomie). Un conxunto singular do que moi poucos colegas poderían dispoñer naqueles tempos. Exemplares de última xeración que esixían, ademais, un amplo coñecemento e experiencia para o seu correcto manexo. Con eles na súa equipaxe Alexander von Humboldt converteuse nunha auténtica “máquina de medir” os territorios do continente americano.