Ecodicionario galego

31. CO2

La OPEP prevé que las emisiones de CO2 seguirán aumentando hasta 2030

La OPEP prevé que las emisiones de CO2 seguirán aumentando hasta 2030

Cosme Damián Romay Cousido, biólogo

Definición: s. m. Fórmula química do dióxido de carbono, molécula composta dun átomo de carbono e dous de osíxeno e que se presenta en condicións normais como un gas incoloro. Esta definición non figura (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Efecto invernadoiro: fenómeno natural (…) polo cal, baixo a acción dos raios solares, o terreo quece e á súa vez emite raios infravermellos, que son capturados por certos gases (como o CO2) que fan aumentar a temperatura do planeta. Esta definición aparece no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: aínda que o dióxido de carbono é coñecido desde mediados do século XVII, e o seu papel na respiración e na fotosíntese está establecido desde o XVIII, non é ata 1824 cando se describe o quecemento atmosférico causado por este, grazas aos físicos franceses Joseph Fourier (1768-1830) e Claude Pouillet (1790-1868). En 1856 a científica estadounidense Eunice Newton Foote (1819-1888) teorizou que “unha atmosfera dese gas [CO2] daría á nosa Terra unha alta temperatura”, hipótese que corroboraría cuantitativamente corenta anos despois o científico sueco Svante Arrhenius (1859-1927). O termo “efecto invernadoiro” data de 1901 e débese ao tamén sueco Nils Gustaf Ekholm (1848-1923), quen lle atribuíu un matiz positivo, para “prever a chegada dunha nova Idade do Xeo”. Non sería ata os traballos do científico estadounidense Charles David Keeling (1928-2005), quen monitorou a concentración de CO2 en Hawai desde 1958 ata a súa morte, cando se produce a primeira chamada de atención acerca do imparable incremento deste gas na atmosfera (“curva de Keeling”), actuando a comunidade científica e o naturalismo como altofalante desa alerta.

Por que está en voga esta palabra?: en 2013 a concentración de CO2 atmosférico medida en Hawai acadou as 400 partes por millón, valor inédito na Terra desde o Plioceno medio (hai 2-4 millóns de anos). Xa entón se puxeron en marcha iniciativas máis ou menos exitosas para diminuír as emisións deste gas en industrias, vehículos e fogares. O Acordo de París foi un tratado internacional sobre o cambio climático, xuridicamente vinculante, adoptado por 196 países en 2015. O seu obxectivo foi limitar o aumento do quecemento mundial limitando tamén a emisión dos gases de efecto invernadoiro, especialmente o CO2. En 2021 o Consello e Parlamento europeos acordaron reducir o 55% das emisións de CO2 para 2030 e establecer por lei unha Unión Europea climaticamente neutra para 2050. Así e todo, as emisións globais de CO2 acadaron unha nova marca en 2022, con 40.600 millóns de toneladas emitidas. As políticas de compensación de danos polo cambio climático aprobadas na recente conferencia da ONU en Exipto, e o “mercadeo” de dereitos de emisión de CO2 na Unión Europea que está a acontecer hoxe en día, foron amplamente criticados polos movementos conservacionistas, que dubidan da súa efectividade a medio e longo prazo.