Tanxugueiras, anatomía dun concerto histórico na Coruña

As cantareiras pechan ciclo na Coruña cun espectáculo que rompe rexistros na música galega: “Hai anos flipabamos con encher a Capitol; hoxe enchemos o Coliseum”

Aída Tarrío, Olaia Maneiro e Sabela Maneiro, no Coliseum.   | // VÍCTOR ECHAVE

Aída Tarrío, Olaia Maneiro e Sabela Maneiro, no Coliseum. | // VÍCTOR ECHAVE / marta otero mayán

Hai preto de nove anos, tres cantareiras daban o seu primeiro concerto no desaparecido pub A Repichoca de Orillamar, ante un público reducido que aínda non sabía que estaba asistindo ao nacemento dun dos fenómenos musicais máis revolucionarios da música galega contemporánea. Menos dunha década despois, as mesmas cantareiras penduran o cartel de sold out das máis de 10.000 localidades que integran o recinto de maior dimensión da cidade, o Coliseum, no que será o último concerto da súa xira Diluvio. “Hai anos flipabamos con poder encher a Capitol. Hoxe podemos dicir que enchemos o Coliseum”, valora Aída Tarrío.

Porque cando Tarrío, voz, pandeireta e alma, xunto con Sabela e Olaia Maneiro, do trío Tanxugueiras bota a ollada cara atrás, non atopa moitas diferenzas coas tres rapazas que, coa pandeireta na man, un día creron que podía haber un horizonte prometedor e sen explorar na música tradicional galega. Hoxe no Coliseum pechan ciclo e renden tributo a dous anos que supuxeron un absoluto revulsivo nas súas vidas cun concerto que promete entrar pola porta grande na historia da música en galego; pero tamén homenaxean a esas tres rapazas que quixeron apostar pola raíz. “Este concerto supón despedirnos de dous anos que foron de ensoño para nós, pero tamén eses nove anos que levamos como Tanxugueiras. É algo importante para nós e para o noso equipo, pero tamén para a nosa familia e para toda esa xente que leva con nós dende que empezamos co grupo, dende os primeiros concertos. Hai dous anos demos o empuxón, pero a nosa carreira foi medrando pouco a pouco. Emociona ver a rapaces que cando empezamos eran bebés e agora son preadolescentes e veñen aos concertos. Xa hai xente que nos escribe dicindo que vai facer cola para coller a primeira fila”, conta Aída Tarrío.

Entre medias, daquel primeiro concerto na Repichoca ata este último, que non derradeiro, no Coliseum, as Tanxugueiras asinaron fitos insólitos no xénero de raíz: dende as 80.000 persoas que reuniron na praia de Riazor no Festival Noroeste, ata o récord de voto popular no Benidorm Fest, que, malia non lles dar o pase a Eurovisión, brindoulles moito máis, tal evidenciou o paso do tempo. “Hoxe non remata nada, aquí empeza todo”, valoraron elas mesmas cando se deron a coñecer os resultados. E xa daquela, a súa clarividencia non estivo errada. Hoxe soben ao escenario tras escribir o seu nome no libro de honra da renovación da música galega, e non o farán solas. Estarán acompañadas por algunhas das figuras do panorama musical que fixeron parte da súa traxectoria, como Rozalén, Rayden, Guadi Galego, Mondra, Muerdo, Valeria Castro e, como última incorporación, Fillas de Cassandra. Todos eles compoñerán un espectáculo para o que avanzan sorpresas e que centrou os seus esforzos nos últimos meses. “Temos moitas sorpresas preparadas. Levamos moitas semanas ensaiando, preparando a xira con todo o noso equipo. É un concerto que precisa unha técnica enorme. É un traballo de moita xente. Tamén é un orgullo ver como a xente que vai colaborar, os outros artistas, teñen a mesma ilusión ca nós”, recoñece Tarrío. Polo momento, e aínda que agardan deter o tempo o sábado durante uns intres, xa teñen a mirada posta no futuro, pero sempre co camiño percorrido moi presente. “Tanxugueiras non acaba. Remata unha etapa. Xa estamos pensando no que virá despois”.