Entrevista | Manel Cráneo Novo director do festival de cómic Viñetas desde o Atlántico

Manel Cráneo: “Gustaríame recuperar para o Viñetas os obradoiros no Fórum e o Ágora e chegar a bibliotecas de barrio”

“Quero fomentar actividades nas que o cómic se relacione co cine ou a música”

O novo director de Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo, no seu estudo.   | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA

O novo director de Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo, no seu estudo. | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA / Enrique Carballo

O autor de banda deseñada Manel Cráneo empezará este ano como director do Salón do Cómic Viñetas desde o Atlántico, un festival que desde a súa creación e durante 25 anos dirixiu Miguelanxo Prado ata que renunciou en 2022.

Cando o salón comezou en 1998 vostede era un autor de cómic mozo na Coruña, e xa ten participado no festival.

Hoxe [polo 8 de abril] cumpro 51 anos, e o Viñetas 27; a miña relación é desde o primeiro ano, e antes fixera unhas xornadas con autores da miña xeración. De repente na Coruña apareceu un salón profesional, e todos os que estabamos facendo fanzines nos involucramos. Creo que xa no segundo ano do Viñetas atendín o stand informativo das xornadas de banda deseñada en Ourense. Seguín movéndome como todos os anos como o autor, e hai uns trece ou catorce comecei a colaborar coa organización. Estiven catro anos coordinando as actividades paralelas co Viñetas. Deixeino porque quería centrarme en Demo Editorial, pero seguín participando co stand da editorial do Viñetas. O ano pasado chamáronme para botar unha man e agora para dirixir.

Prado renunciou queixándose de que o orzamento non crecía. O ano pasado, xa sen el, gastouse máis. Que pasará este ano?

Os orzamentos aínda están en estudio. O ano pasado houbo un incremento bastante alto pero fundamentalmente polas présas, pois o Concello quedara entre a espada e a parede: non había unha liña de dirección, cada exposición tiña un comisario... Foi un éxito porque se organizou en mes a medio as présas sempre se pagan. O óptimo sería non quedarse co orzamento anterior, pero non sabemos se vai poder ser o do ano pasado. Aí os colectivos locais apoiamos moitísimo. Para os autores a feira é importante: é un centro de reunión, intercambio coa xente que ben de fóra... Para todos foi sorpresa [a saída de Prado] e non quedou máis remedio que arrimar o ombreiro: eu entendo que pode haber discrepancias entre a dirección e o Goberno municipal, pero afectou a todo o sector que quedou no medio, e ves como te van quedar un evento consolidado a nivel profesional. 25 anos serviron para ter un festival de referencia no se que fixeron moitas cousas ben, centradísimo nos autores e as autoras. Esas cousas hai que mantelas, hai outros salóns máis montados ao redor do negocio e os editores, pero auí sempre se mimou especialmente aos autores.

Que cambiará?

Hai que manter todo o que se funciona, e, se acaso, actualizar. Haberá algunha proposta, creo, en actividades paralelas, que son as que dan máis xogo e posibilidades de meter man. O salón sempre tivo unha morea de exposicións en todos os espazos municipais, e hai cousas como esas que non hai que tocalas. O único que atopei por parte do Concello foron, de momento, facilidades para que isto faia adiante. É bastante motivador chegar e ver que, despois dunha pequena tempestade, o mar estea máis favorable para poñerse a traballar.

Hai compromiso de manter os espazos xa existentes ou cambialos?

Houbo algún momento no que chegou a ampliarse a outros espazos municipais que o ano pasado non se empregaron: incorporar algún novo ou recuperar algún que se perdera sempre é un obxectivo a ter en conta, pero depende dos orzamentos

De que espazos falamos?

Hai anos se facían actividades como obradoiros no Forum e no Ágora... O ano pasado se fixeron cousas nas bibliotecas municipais, e o hai que manter. Na Coruña temos unha rede importante, cun equipo humano moi ben preparado e un club de lectura de cómic vencellado desde hai anos ao Viñetas. Poder implicar bibliotecas de barrio e espallar por aí a actividade podía ser interesante.

E que actividades incorporar?

Hai cousas que se fixeron o ano pasado e nalgún caso funcionaron moi ben. Fíxose un concerto ilustrado con autores do Autobán e unha banda local como gala de apertura, e os tiros poden ir por fomentar actividades nos que o cómic se interrelaciona con outros medios como a música ou o audiovisual. Ou o cine. O ano pasado houbo un ciclo de cine: o teatro Colón préstase e está no centro neurálxico do Viñetas. E para o libro O Lume, de David Rubín, houbo unha autoficción cun actor.

Algo do que prescindir?

Hai que facer un esforzo máis grande para captar as novas xeracións. Antes viamos moitas exposicións que son cadros colgados un detrás de outro. Para adultos e profesionais é interesante, pero para público infantil pode caer na monotonía. Vivimos nunha sociedade moi dixitalizada, rodeado de pantallas, e os contidos audiovisuais poden ser interesantes para actualizarse.

Como cambiou o público que le cómic nestas décadas?

Agora hai moitos máis lectores, moitas máis modalidades deles, e moito máis especializados en diferentes temáticas. Pasamos dun público moi mainstream, de todo cómic americano ou certo tipo de cómic europeo, a un moi heteroxéneo e con gustos máis dispares. Podes atoparte con tres persoas que len cómic sen puntos en común: un controla moito de manga e o outro está especializado en cómic americano e a terceira le autores europeos que fan drama social. Esa diversidade está moi ben, e está moi de auxe o cómic independente, de autoedición, experimental... Unha mostra é o ben que funciona o Autobán. Hai que estar atento ás tendencias e buscar unha fórmula para manter todo o bo que teña o Viñetas e renovalo.