Ecodicionario galego

91. Forestalista

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Palabras e expresións relacionadas: Foresta: grande extensión de terreo, poboada por unha mesta vexetación arbórea. Cultivo forestal: actividade desenvolvida para cultivar árbores, ou ben terreos no que se están a cultivar árbores. Invasora: especie que se estende en gran cantidade nun lugar afastado da súa orixe, causando prexuízos a nivel ambiental, social e/ou económico. Estas definicións aparecen parcialmente no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: as políticas forestalistas, que van a man das plantacións forestais, foron deseñadas ao longo das décadas para obter un máximo rendemento económico no mínimo tempo. Desde os monocultivos de palma aceiteira no sueste asiático, ata as densas plantacións de coníferas en Irlanda, Alemaña e Chile, pasando polas masas de millóns de eucaliptos no Brasil, China, a India e a Península Ibérica, todo o planeta experimenta unha auténtica febre forestalista. Estes cultivos realízanse habitualmente cunhas poucas especies de crecemento rápido que, no caso dos eucaliptos, poden ter comportamento invasor. Ademais, para realizar estes cultivos, destrúense masas de árbores autóctonas, cunha valiosa biodiversidade. Mesmo se sacrifican antigas e fértiles terras de cultivo, como no caso galego. Os intereses forestalistas priman sobre a conservación da natureza e mesmo sobre a seguridade dos núcleos rurais, pasto das chamas cando estes volátiles monocultivos arden.

Por que está en auxe esta palabra?: Un exemplo de territorio forestalista é Galicia. Unhas poucas multinacionais persuadiron e convenceron a persoas propietarias de terreos no monte para que cultivaran árbores foráneas, coa promesa dun gran rédito económico. Todo isto co visto e prace das distintas administracións públicas, que apenas esbozaron limitacións ante tal maremágnum forestalista. Sen contar coas novas plantacións, o primeiro informe de resultados do inventario piloto do Inventario Forestal Continuo de Galicia (Consellería de Medio Rural) estima que o 27,5% da masa forestal galega serían eucaliptos (Eucalyptus globulus + Eucalyptus nitens) e o 20,5% de piñeiros (tres especies). Estas especies alóctonas, fomentadas por este lobby forestalista desde mediados do século XX e, especialmente nos últimos 25 anos, van camiño de ser a maioría das árbores en Galicia. Segundo este Inventario Forestal Continuo, o arborado galego consistiría (aínda) dun 17% de carballos, 8,4% de bidueiros e un 4,5% de castiñeiros, entre cantidades menores de especies autóctonas. A realidade forestalista galega, entregada ao cultivo masivo de eucalipto (mesmo coas actuais limitacións ás novas plantacións), fan difícil cumprir as previsións da propia Xunta de reducir un 5% a superficie ocupada por eucaliptos de cara a 2040 (revisión do Plan Forestal galego, 2021).

Definición: Adx. e s.f. Que fomenta a creación de masas forestais, ou que coida delas, por interese económico. Esta definición non aparece no dicionario da RAG.