Gabriel Zaid e a diplomacia cultural

A propósito da edición en galego de ‘Los demasiados libros’, a primeira obra do intelectual mexicano traducida a esta lingua

Tapas de libros de Gabriel Zaid.

Tapas de libros de Gabriel Zaid. / Xo

Xosé Luís Axeitos

Xosé Luís Axeitos

A diplomacia europea, da mesma maneira que noutro tempo utilizou o matrimonio, indemne de toda ideoloxía e paixón, como ungüento para cicatrizar feridas causadas por guerras e diversos conflitos, tamén empregou a denominada diplomacia cultural para mellorar a imaxe internacional dos seus respectivos países tecendo redes de sociabilidade mediante literatos, artistas, músicos e coleccionistas que viaxan dunha capital a outra e manteñen correspondencia con príncipes e soberanos mostrándose sempre como colaboradores conscientes dunha negociación permanente. Nada máis expresivo da mestura entre matrimonio acordado e diplomacia cultural que a pintura de Hans Holbein o Mozo coñecida hoxe como Los Embajadores (1533) onde dous embaixadores, que negocian a disolución dun matrimonio real, están rodeados de obxectos: instrumentos astronómicos, reloxios de sol, un cantoral, un cráneo, un crucifixo, un libro de aritmétrica etc., representación dos saberes da época, a República das Letras que tan acertadamente caracterizou Marc Fumaroli (La República de las Letras, Acantilado, 2013).

Catrocentos anos despois,de todos é coñecida, por recente, a pléiade de diplomáticos que despregou México por Europa nos anos vinte do pasado século —Genaro Estrada, Narciso Bassols, Gilberto Bosques, Luís Quintanilla, Ramón P. de Negri, etc— que escribiron un brillante capítulo da diplomacia mexicana na procura dunha paz civilizada, que resultou fráxil se temos en conta o estoupido da guerra española e da conseguinte guerra mundial. Asinaron todos eles ao lado de nomes como Alfonso Reyes, Cossío Villegas ou mesmo Octavio Paz, epopeas con nome de barco —Mexique, Flandre, Ipanema, Sinaia, etc— con nome de fogar —A Casa de España— ou centro de Ensino e convivencia, Colexio de México.

Non hai moito tempo Gabriel Zaid (México avanza, Reforma, 27 de mayo de 2012) despois de sinalar con documentado entusiasmo e nun formato periodístico, o triunfo de determinadas persoas mexicanas no campo da música, da literatura, do cine e do pensamento, acaba reclamando atención para toda esta potencialidade cultural que case esixe repensar a maneira na que ha de utilizarse esta ferramenta da diplomacia cultural durante o século XXI. Sorprendeu que un intelectual, crítico e severo observador do contexto económico e político internacional, se deslizase por esta canle aparentemente patriótica. Pero non foi así, alomenos para todos os que coñecemos a súa obra, o artigo de referencia é totalmente coherente coa súa traxectoria. Porque malia ter cultivado todos os xéneros canónicos, teatro, poesía, ensaio, periodismo cultural en todos os formatos, teño para min que Gabriel Zaid é, nomeadamente, o defensor por excelencia do libro e da lectura no mundo. Pertence por méritos propios a esa estirpe de “zares culturais” que leva toda a vida defendendo a convivencia, o diálogo, o respecto en suma entre os homes de todo o mundo a través do máis humilde dos medios, o libro e a lectura. Ata tal punto que a súa extensísima obra queda compendiada nun libro de apariencia trivial, breve, con vocación divulgativa pero con densidade intelectual dabondo para ser capaz de expresar a poética de toda unha vida dedicada á reflexión silenciosa e ao diálogo co mundo. Chámase Los demasiados libros (1972), ten 51 anos, conta con doce edicións en castelán, doce traducións, inglés, francés, alemán, italiano, portugués, croata, neerlandés, eslovenio e estonio e foi obxecto de numerosísimos comentarios en todo o mundo. Na súa última edición, é un libro en constante refacción, polo Grupo Editorial Penguin Random House consta, contando introdución e índices xenerosos, 171 páxinas. De qué trata o libro? Defende con poderosos argumentos que a mellor universidade é unha colección de libros, que forman sen preocuparse de expedir títulos nin certificados. Constitúe a máis fecunda fonte de saber, moderna, igualitaria, variada e dispersa, está sempre a o noso dispor sen urxencias de ningún tipo.

O libro está escrito baixo a perspectiva dunha poderosa vocación de servizo público e cunha poderosa vocación de independencia, dúas características que Zaid atribúe ao seu mestre Daniel Cossío Villegas e que el mesmo cultiva con lucidez de sabio.

Tivo Gabriel Zaid moi fecundos lazos con Galicia: foi discípulo de Carmen Muñoz e Rafael Dieste no Tecnolóxico de Monterrey durante dous cursos (1952-1954), visitou aos seus mestres en Bos Aires en 1957 e en Rianxo anos máis tarde onde Rafael lle deu a coñecer unha estrofa mexicana da Rianxeira que evocou Gabriel nun artigo publicado na revista Letras Libres. No ano 1995 foi ponente no Congreso Rafael Dieste celebrado na Coruña a onde volveu ao ano seguinte acompañado pola súa dona, a pintora Basia Batorska, para celebrar os noventa anos de Carmen Muñoz. Foron viaxes con agasallos de papel propios de xente que adoita conversar os libros coa naturalidade das rutinas diarias. O desinteresado permiso que nos concedeu para publicar o segundo capítulo do seu libro máis emblemático, Los demasiados libros, supón tamén a primeira tradución ao galego dun texto da súa autoría. Titúlase Malthusiana, foi incorporado ao libro na edición conmemorativa dos cincuenta anos do libro (1972-2022) e procede na súa primeira versión da revista Letras Libres (131, novembro, 2009).