O humor de Chichi Campos, un recordo moi presente

O fillo do humorista gráfico e o tamén debuxante Anxo Cuba reivindican a importancia da súa figura e botan en falta a súa presenza na praza do Humor

O debuxante Anxo Cuba, na praza do Humor cunha camiseta de Chichi Campos.  | // VÍCTOR ECHAVE

O debuxante Anxo Cuba, na praza do Humor cunha camiseta de Chichi Campos. | // VÍCTOR ECHAVE / Ana Carro

Pode que haxa xente que non recorde a Xesús Campos Álvarez, coñecido como Chichi. Naceu en Canarias, pero instalouse de neno na Coruña, onde deixou unha pegada importante antes do seu falecemento, en 1991. Foi debuxante, humorista gráfico e articulista. Tivo unha libraría, dirixiu unha sala de exposicións e fundou con Xosé Díaz Arias e Luís Caparrós Esperante o grupo de banda deseñada do Castro. Pero todos aqueles que non coñezan esta historia, terán a oportunidade de facelo grazas ao empeño do seu fillo Nicolás, quen o ano pasado recuperou o libro Estampas do mundo elegante —estaba descatalogado— e o 14 de abril presentará un documental sobre Chichi Campos na Fundación Luís Seoane, onde días despois inaugurarase unha exposición sobre a o debuxante. “O máis importante é que o seu nome chegue ás novas xeracións. É unha figura moi importante e moi esquecida. Vai sendo hora de que o Campos deixe de estar en barbeito”, comenta.

Nese afán por recuperar o seu nome e darlle o lugar que merece tamén ten un papel importante o debuxante Anxo Cuba, moi fan de Chichi Campos. Administra a súa páxina de Facebook e acaba de crear unha páxina de change.org para que a súa silueta teña un oco na praza do Humor. “Sendo tan importante no humorismo galego paréceme raro que non estea na praza. É un oco que hai que encher”, sinala Cuba, quen chancea con Nico Campos que quizais sexa el “o único fan de Chichi”. “Todo o mundo que o coñeceu garda un recordo moi intenso da súa personalidade. Levaba o humorismo na sangue”, expón o tamén debuxante, que reúne sinaturas para que a praza do Humor invite a Campos. Xa leva case 300. “A ampliación que se fixo na praza do Humor é moi recente, pero se conseguimos moitas firmas chamaremos á porta do Concello”, avisa Anxo Cuba, quen quedaría satisfeito “con que houbese moita xente en eventos que están a piques de facerse, como a presentación do documental”.

Esa peza audiovisual na que Nico Campos leva traballando case doce anos: “O documental céntrase máis na persoa e menos na obra. Fago as preguntas que non fixen nos máis de 30 anos que leva morto”. A reivindicación do seu nome complétase coa publicación do libro e coa exposición, Xesús! 70 anos de Campos, que poderá visitarse a partir do 21 de abril.

Xuntos, Nico e Anxo, intentan que o recordo de Chichi Campos forme parte do presente. Por todo o que foi e todo o que fixo, para que non quede só no pasado da cidade. “Anxo está facendo un traballado espectacular”, apunta o fillo do homenaxeado, feliz de que cada vez máis xente coñeza a vida e obra dun Chichi Campos que podería unirse a Pedro Brandariz ou Luis Piedrahita na praza do Humor.

Suscríbete para seguir leyendo