Entrevista | Marta Lois Cabeza de lista de Sumar pola Coruña ao Congreso dos Deputados

Marta Lois: “É realista defender a nacionalización da AP-9, Audasa non vale os 2.300 millóns que recibirá”

“Queremos escoitar aos afectados pola débeda do Porto coruñés para tomar unha decisión”

Marta Lois, número un ao Congreso de Sumar na Coruña.   | // LA OPINIÓN

Marta Lois, número un ao Congreso de Sumar na Coruña. | // LA OPINIÓN / José Manuel Gutiérrez

Como pode recuperar Sumar o espazo político que ocuparon Alternativa Galega de Esquerdas e En Marea despois de todo o que pasou?

O importante é mirar cara ao futuro e entender que Sumar é un proxecto que vén para quedarse, que é un espazo político pero tamén da sociedade civil e que está ilusionando a moitísimos galegos e galegas progresistas deste país e que se está facendo dende a integración, porque non lle preguntamos a ninguén polo seu carné. Sumar ten tamén unha pata cidadá moi importante, xa que en Galicia neste momento hai máis de mil persoas inscritas máis alá de Podemos, Esquerda Unida e os representantes do mundo municipalista. Estamos nun tempo novo e de moita ilusión e cunha experiencia de goberno nestes tres anos con Yolanda Díaz que dá conta da necesidade dunha política útil. Esa é a base dende a que pensar e non tanto mirando ao pasado.

Na Coruña o debate político centrouse na débeda do porto e a posible venda de peiraos para sufragala. Vai defender Sumar a condonación desa débeda?

É un tema importante e dende a cautela queremos escoitar aos sectores afectados e a partir de aí adoptar unha decisión. A nosa prioridade é escoitar e coñecer polo miúdo as condicións desa débeda para adoptar unha posición política.

Sumar defende a nacionalización da AP-9. É unha proposta realista?

É realista porque é unha infraestrutura que sufriu varias prolongacións da súa concesión, sobre todo cos gobernos do PP. Ata o 2048 vai recibir bonificacións estatais que suman 2.300 millóns de euros, que é unha absoluta barbaridade, cando a concesionaria, Audasa, non ten ese valor. En Sumar dicimos que xa está ben de parches e que o indicado sería nacionalizar a AP-9 e que logo se transfira á competencia autonómica.

É compatible a transición ecolóxica co expansión dos parques eólicos, que xeran moita oposición entre a cidadanía?

Un dos grandes eixos de Sumar é a aposta pola sostibilidade e por unha transición ecolóxica que non signifique en ningún caso unha ameaza para sectores importantes do noso país como a pesca nin para onde se instalen os parques eólicos por exemplo. Non poder haber políticas extractivas que socialicen os impactos a través das comunidades onde se realizan e concentren os beneficios en grandes empresas enerxéticas.

A comarca da Coruña perdeu nos últimos anos boa parte da súa industria. Como pode recuperarse este sector?

A transición verde e enerxética é una oportunidade para a comarca e o resto do país porque Galicia é unha potencia na xeración desa enerxía limpa, estable, segura e máis económica. Debemos por tanto industrializarnos dende enerxías renovables porque temos coñecemento e grandes empresas que deben servir de tractores da economía galega.

Algúns analistas pensan que Sumar centra demasiado a súa campaña no medo a Vox e non tanto en facer novas propostas.

Discrepo profundamente desa visión. É importante non ocultar que hai un risco real de involución porque o señor Feijóo está gobernando xa nalgunhas comunidades e concellos coa extrema dereita, pero é de xustiza identificar que desde que se iniciou esta campaña Sumar leva facendo propostas moi concretas, cando ao señor Feijóo aínda non lle escoitei unha. Falamos por exemplo de que queremos que a xente saia unha hora antes do traballo porque hai que traballar menos para vivir mellor ou de que algo que vai afectar a máis de 180.000 persoas en Galicia, que é recuperar o servizo público de dentista. Non sería xusto dicir que Sumar non fala de políticas nin de propostas. Fala e moito na distancia curta, en cousas que os galegos e galegas identifican claramente.

Pero por que as enquisas non reflicten máis apoio á esquerda tralas medidas sociais do Goberno?

Nós saímos a gañar as eleccións e a conseguir os mellores resultados, pero ata o 23 de xullo o único do que podemos falar é de hipótesis e enquisas. Sumar é unha forza política decisiva para un goberno progresista no Estado e para que as políticas sexan transformadoras e valentes. É cuestión de traballar moito e con moita responsabilidade, con independencia de que as enquisas estean falando dun peso preocupante da extrema dereita no conxunto do Estado, polo que quero facer un chamamento a todos os galegos e galegas progresistas para que voten e facer un Sumar forte.

Son as consecuencias negativas da lei do só si é si unha lousa demasido pesada para as forzas que integran o Goberno?

Non estou de acordo. O Ministerio de Igualdad fixo políticas públicas que están á vangarda en Europa e trasladaron moitísimos recursos ás mulleres vítimas de violencia de xénero. A extrema dereita e a dereita non teñen ningún interese en falar das violencias machistas e denuncialas e si de falar dos aspectos que acaba de sinalar.

Os políticos galegos teñen moita experiencia de trato con Feijóo. Pregúntanlles como combaterlle?

Feijóo é un pioneiro das fake news e sempre o foi. Estes días tivemos ocasión, grazas a unha gran xornalista de Televisión Española, de ver que non vale todo e que Feijóo gobernou en Galicia trece anos a base da manipulación política e de moitas mentiras. Yolanda Díaz xa lle interpelara no Parlamento galego sobre as súas amizades perigosas co señor Marcial Dorado. Yolanda e o seu equipo coñecemos perfectamente quen é Feijóo e que fixo en Galicia estes trece anos, que é absolutamente nada, e que mente compulsivamente.

Suscríbete para seguir leyendo