Ecodicionario galego

Ecodicionario galego: 74. Quimioestela

Ecodicionario galego.

Ecodicionario galego. / LOC

Cosme Damián Romay Cousido | Biólogo

Definición: s. f. Rastro de condensación no ceo, similar a unha nube lineal, que deixa un avión durante o voo e que, segundo unha teoría conspirativa, estaría composto por produtos químicos nocivos. Esta definición non aparece (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Polución: acción e resultado de contaminar o medio, a atmosfera, por efecto dos gases ou dos residuos industriais e domésticos. Conspiración: acordo secreto entre varias persoas para actuar contra algo ou alguén, especialmente contra o poder establecido ou contra quen o exerce. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: as teorías da conspiración acerca das quimioestelas comezaron a circular a través de revistas pseudocientíficas e foros radicais en internet a partires de 1996, a raíz dun informe oficial estadounidense sobre a posible modificación do tempo atmosférico a nivel local. Daquela, e terxiversando o contido deste informe, desde distintos medios de extrema dereita acusouse ás autoridades de “tentar cambiar o clima”, “guerra biolóxica desde avións” ou mesmo “causar doenzas á poboación estadounidense con substancias misteriosas”. Nos anos seguintes creceu a conspiranoia á par que supostas probas (cheiros misteriosos, patróns singulares no ceo, buratos nas nubes e cambios de cor nestas, etc.). No ano 2000, distintas axencias dos Estados Unidos pronunciáronse para disipar os rumores sobre estes “chemtrails” (voz inglesa para quimioestelas) e cinco anos despois as forzas aéreas do país aseveraron que “non están a realizar ningún experimento ou programa de modificación do tempo”, nin nunca “espallaron deliberadamente axentes químicos ou biolóxicos a gran altitude”, e que “non hai plans para facelo no futuro”. Engadiron que cómpre falar de simples estelas de condensación: a física afirma que estes rastros lineais poden ter unha vida útil de varias horas, e mesmo transformarse en nubes sen intervir produto químico algún.

Por que está en voga esta palabra?: a polémica sobre as quimioestelas incrementouse en 2009 co filme Toxic Skies (Ceos Tóxicos), dirixido polo canadense Andrew C. Erin (n. 1973) e protagonizada pola actriz norteamericana Anne Heche (1969-2022). O argumento da película sinalaba as quimioestelas como causantes dunhas misteriosas enfermidades. A comunidade científica saíu ao paso da polémica subliñando a falta de probas en todo o relacionado coas estelas, algo que tamén sería sinalado perante preguntas de políticos en distintos parlamentos nacionais e mesmo no Parlamento Europeo (ano 2013). Así e todo, un estudo publicado en 2017 na revista científica Nature, baseado en dez anos de análise de datos de redes sociais, suxire que entre o 30 e 40% dos cidadáns estadounidenses dan crédito ás teorías “alternativas” das quimioestelas. Recentes enquisas en Francia tamén apuntan a porcentaxes similares de aceptación desta conspiración.