Xosé Manuel Varela, o home que sempre quixo ser escritor

Profesor de Lingua e Literatura galega e divulgador cultural, é un apaixonado da tradición literaria e da identidade do territorio

Xosé Manuel Varela, no Museo de Belas Artes.

Xosé Manuel Varela, no Museo de Belas Artes. / Carlos Pardellas

Como diría Alfred Hitchcock, Xosé Manuel Varela é o home que sabía demasiado. É profesor de Lingua e Literatura galega no Fogar de Santa Margarida, pero tamén divulgador cultural; colaborador da Real Academia Galega; impulsor da recuperación de A Croa do Castro de Cerqueda e editor, ademais de escritor de poesía, ensaio e ata literatura infantil. Iso foi o que sempre tivo claro, que ía adicarse a xuntar palabras. “Estaba abocado a ese destino”, declara este home, nado en Malpica de Bergantiños.

“Como unha persoa que naceu no rural, estiven en contacto coa tradición oral da parroquia de Santiago de Mens. Nela, onde pasei a infancia e adolescencia, tiña moita viveza a lírica popular. De alí eran as Vellas de Mens, grupo de pandeireteiras que, de man da Agrupación Cultural Aturuxo da Coruña, exportaron as nosas cantigas polo territorio español, Francia ou mesmo Arxentina. Tamén era terra de regueifeiros como Maximino Garrido. Ou de comparseiros que animaban cos seus versos satíricos o tempo de Entroido e da Pascua Florida”, conta para xustificar o seus estudos de Filoloxía e a súa paixón pola literatura.

No campo no que máis traballos sacou é na reedición. “Todo comezou coa elaboración da tese de licenciatura dirixida polo profesor Xosé María Dobarro Paz. A partir dela xurdiu un gran movemento arredor do escritor baiés Enrique Labarta Pose do cal se leva tempo pelexando para que se lle dediquen as Letras Galegas”, expón, e recorda que “cómpre volver frecuentemente aos nosos clásicos para coñecermos a tradición literaria que nos precede”. Os seus autores de referencia son Eduardo Pondal e Julio Llamazares.

Aínda que non desbota ningún dos seus libros, hai un ao que lle ten un agarimo especial: No confín dos verdes castros. Un proxecto feito a catro mans: “É unha guía de itinerarios polo concello de Cabana de Bergantiños que inclúe un CD do grupo Milladoiro”.

A súa pluma tamén chegou á literatura infantil xunto coa súa filla Icía Varela e Suso Moreira. “Artellamos un proxecto onde mesturabamos prosa para primeiros lectores e música a ritmo de rumba e levou como título O grilo Míllelo (Edicións Embora), un animal moi solidario coa veciñanza que o rodeaba”, recorda.

Sobre os seus libros de ensaio, Xosé Manuel Varela di que “cabalgan pola prosa de carácter turístico ou de eséxese literaria”. “Neles encontro un espazo para pescudar e divulgar a identidade do territorio”, confesa.

Ademais de gozar da docencia no Fogar de Santa Margarida, o escritor impulsou hai dez anos o proxecto A Croa do Castro de Cerqueda, no que a día de hoxe hai visitas guiadas. “Cremos que é un proxecto que sobrepasa o carácter local e vaise converter nun eixo de grande importancia para o desenvolvemento socioeconómico da Costa da Morte. Estaremos aí para que non esmoreza ese soño colectivo”, manifesta Varela, quen recorda que a iniciativa comezou “durante o proceso de concentración parcelaria da parroquia de Cerqueda” no que “A Croa do Castro quedou como espazo público”. “Unha ocasión coma esa non se podía desaproveitar para rescatar e poñer en valor un elemento patrimonial desas características que naquel momento estaba colonizado de eucaliptos e por unha selva de toxos e xestas”, comenta.

Pero, de onde saca tempo para tantas cousas? Xosé Manuel Varela defende que se trata de “investir o tempo libre que nos deixa o traballo en facetas que nos agradan”.

Suscríbete para seguir leyendo