'Bibopalula': O primeiro gran musical infantil en galego estréase na Coruña
O Teatro Colón da Coruña acolle 7 de xuño o lanzamento de 'Bibopalula', o espectáculo baseado na exitosa serie de animación
É o primeiro musical de gran formato producido en Galicia, con sete intérpretes en escena, música, coreografías e efectos especiais de iluminación, para ofrecer ás máis pequenas e pequenos unha experiencia única.

Espectáculo de 'Bibopalula' / LOC
B. C.
Galicia quere ser tamén a aldea gala de Astérix no mundo dos debuxos animados. Os fenómenos de Bluey ou A Patrulla Canina teñen desde o pasado mes de novembro un duro competidor que, ademais, presume de valores: música, natureza, e por suposto, idioma.
É Bibopalula, a primeira serie musical de animación en galego, producida integramente en Galicia, e que xa é o contido máis visto da plataforma infantil de entretemento Xabarin.gal.
Só sete meses despois da súa estrea, a proposta sube ás táboas, dirixida a nenas e nenos de 3 a 8 anos. A Banda do Bosque -o grupo de paxaros que fan música e que protagonizan a serie- xirará por toda Galicia no mes de xuño cun espectáculo producido por Ainé, a produtora de Xosé A. Touriñán, artífice das propostas teatrais máis exitosas da historia do teatro galego.
A Coruña acollerá a estrea o próximo sábado, 7 de xuño, ás 17.30 horas, no Teatro Colón. "Cada función de Bibopalula será unha auténtica festa", aseguran desde a produtora. O espectáculo, dirixido por Marta Lado e protagonizado por Lidia Veiga, terá de todo: máis de dez cancións, proxeccións e iluminación móbil, efectos especiais, agasallos para as pequenas e pequenos espectadores...
Desde Ainé aseguran que se trata tamén de demostrar que en Galicia tamén se poden facer espectáculos de gran formato, e que é posible encher teatros con proxectos producidos desde aquí. "Son demasiados anos vendo como só esgotan entradas os grandes musicais infantís que veñen desde Madrid, e é imprescindible dar o salto, sendo ambiciosos", apuntan.
Ava -Lidia Veiga- será a encargada de chamar a atención do público sobre o que acontece no gran bosque no que se convertirán cada escenario. Por alí aparecerán o paporrubio Robin, o merlo Merli, o picapau Carpin e a pega Pegui. Non faltarán o Señor Moucho, ou Pombo -a quen pon voz o propio Touriñán-.

Xosé A. Touriñán / LOC
A Banda do Bosque terá unha misión durante os cincuenta minutos do espectáculo: atopar un tesouro coa axuda das nenas e nenos que, desde o patio de butacas, participarán con todas as sorpresas que o equipo de Bibopalula ten preparadas.
As entradas, que a produtora espera esgotar nun par de semanas, están á venda a través de www.bibopalula.gal e nas canles oficiais do Teatro Colón.
De xira polas cidades e vilas galegas
Despois da estrea na Coruña o espectáculo de Bibopalula visitará Santiago (Auditorio ABANCA, domingo 8), Pontevedra (Auditorio Sede Afundación, sábado 14), Vilalba (Auditorio Carmen Estévez, domingo 15), Verín (Auditorio Municipal, sábado 21), Vigo (Teatro Afundación, domingo 22), Cee (Auditorio Baldomero Cores, sábado 28) e Ourense (Auditorio Municipal, domingo 29).
Para máis adiante Ainé xa traballa noutros formatos como concertos e espectáculos en exterior, ao tempo que prepara novas accións relacionadas coa serie para o comezo do novo curso, como unha unidade didáctica.

Presentación do espectáculo na Coruña / LOC
O éxito da serie busca traspasar fronteiras
A estrea de Bibopalula en Xabarin.gal e o seu éxito entre o público infantil animou a Undodez, a produtora audiovisual responsable do proxecto, a buscar no exterior novas posibilidades de distribución. No Kidscreen de San Diego -un dos mercados de contidos de animación máis relevantes do mundo- a serie foi un dos produtos mellor valorados, e A Banda do Bosque estará tamén no Festival de Annecy (Francia) en dúas semanas. Todo coa intención de que os capítulos de Bibopalula viaxen fóra de Galicia noutros idiomas.
No noso país o lanzamento da serie acompañouse dunha gran campaña de promoción, con accións nos estadios do Deportivo e o Celta, unha carroza na cabalgata dos Reis Magos da Coruña, e decenas de aparicións en todos os medios de comunicación.
No mes de febreiro Bibopalula lanzou o seu primeiro conto infantil, e pouco despois, unha primeira colección de roupa, que ampliará coa estrea do espectáculo teatral.

'Bibopalula' na Cabalgata de Reis / LOC
- Estrella Galicia demuele un concesionario al lado de su sede en A Coruña para un nuevo uso
- El restaurante de A Coruña elegido para rodar la nueva temporada de ‘Clanes’ de Netflix: 'Buscaban un lugar que recordase a China
- La historia de amor de Hijos de Rivera con un polígono de A Coruña: 'Da vida a espacios en desuso de A Grela y crea otros de referencia
- Abre Marrano en A Coruña, el local informal de tapeo para amantes de la carne a la parrilla: 'Aquí nada de sentarse en una mesa con mantel
- El restaurante que recomienda Martiño Rivas en la guía de Zara por su tortilla: “Todo gira en torno al sabor”
- Despedido el director de una oficina bancaria de la avenida de Fisterra de A Coruña por falsificar firmas de clientes y abrirles tarjetas de crédito para cumplir objetivos
- Problemas detectados en la estación histórica de tren de A Coruña obligan a replantear el final de los trabajos: 'Hay deficiencias que condenan el uso del inmueble
- El bus de A Coruña se podrá abonar con tarjeta de crédito: 'Hay mucha gente que pide hacerlo y hay conductores que acaban pagando billetes